A segunda convocatoria de axudas de Turismo de Galicia para as axencias de viaxes inxectou 350.000 euros no sector

A segunda convocatoria de axudas de Turismo de Galicia para as axencias de viaxes inxectou 350.000 euros no sector

Máis dun centenar de empresas e profesionais beneficiáronse da iniciativa aberta en setembro do ano pasado.

 

Máis dun centenar de axencias de viaxes e profesionais do sector beneficiáronse da convocatoria de axudas aberta en setembro do ano pasado pola Axencia Turismo de Galicia para contribuír ao mantemento destes negocios. Así o acaba de facer público o organismo dependente da Xunta de Galicia a través dunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia na que se detalla tanto a relación de beneficiarios como o importe concedido a cada un deles.

 

Esta nova convocatoria foi presentada de forma pública pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes ( AGAVI),Juan Rivadulla, nun acto celebrado en Cambre a mediados de setembro do ano pasado. Os 350.000 euros de orzamento total cos que estivo dotada daban continuidade a unha primeira acción neste mesmo ámbito financiada con 1,2 millóns de euros.

 

Esta segunda convocatoria cubriuse na súa totalidade e a maior parte deses 350.000 euros cos que estaba dotada foi empregada polos beneficiarios para abonar parte dos gastos de alugueiro das instalacións dos seus negocios. Só en tres casos destinouse a pagar gastos hipotecarios e noutros dous, a ambos fins. Máis diversidade houbo en canto aos importes recibidos, que oscilaron entre os 180 e os 38.400 euros, tal como se pode ver na relación publicada no DOG.