O presidente, Juan Gil de Araujo, e o alcalde do Concello de Barro, Xosé Manuel Fernández, formalizaron hoxe o convenio de adhesión polo que o municipio pontevedrés pasa a formar parte deste itinerario enoturístico. Gil de Araujo mostrouse moi satisfeito por “sumar un novo asociado á Ruta do Viño Rías Baixas. Isto quere dicir que hai interese no traballo que estamos a desenvolver para promocionar a nosa ampla oferta enogastronómica”.
Pola súa banda, Xosé Manuel Fernández indicou que este convenio axudará a “pór en valor o territorio vitivinícola do Concello de Barro e abrir as portas a que as adegas e establecementos poidan desenvolver o seu labor en prol do enoturismo”. O rexedor aproveitou a oportunidade para convidar á Ruta do Viño Rías Baixas a unha das súas celebracións máis destacadas, a Festa do Viño de Barro, que se desenvolverá o próximo mes.
Grazas a este acordo, tamén se poderán unir a esta asociación sen ánimo de lucro diversos establecementos localizados no municipio de Barro. “Por tanto, o seguinte paso será reunirnos con adegas e empresas hostaleiras e hoteleiras para presentarlles o noso proxecto enoturístico e tramitar a súa posible adhesión”, indicou Juan Gil de Araujo. Cabe lembrar que aquelas empresas interesadas en adherirse á Ruta do Viño Rías Baixas deberán superar previamente unha auditoría coa que se busca garantir que as instalacións e servizos ofertados cumpren cos requisitos mínimos de calidade e atención aos visitantes especificados no manual de produto de Rutas do Viño de España.