Ao novo local que abrirá as súas portas estes días no Saviñao sumarase en datas próximas outro en Carballeda de Valdeorras.
A oferta de aloxamentos nas distintas rutas do Camiño de Santiago para dar resposta ao aumento do número de peregrinos que as percorren segue crecendo. A próxima semana está previsto que entre en funcionamento o novo albergue público de peregrinos acondicionado pola Xunta de Galicia no municipio lucense do Saviñao (Camiño de Inverno) e en datas próximas comezará a dar servizo tamén unha nova instalación na localidade ourensá de Carballeda de Valdeorras. Así o anunciou o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijoo, durante a visita realizada o mércores ao Saviñao para coñecer as novas instalacións alí acondicionadas, acto no que tamén tomou parte o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
O novo albergue do Saviñao está situado no antiga pazo bispal de Diomondi e dispón de 34 prazas, ademais de aseos, zonas de cociña e lecer, lavadoiro e un espazo para o estacionamento de bicicletas. As instalacións foron acondicionadas tamén para o seu uso por parte de persoas con mobilidade reducida ou problemas auditivos ou de visión.
A súa posta en funcionamento forma parte dun programa de actuacións que permitirá que a finais deste ano Galicia conte cun total de 78 albergues públicos e máis de 4.200 prazas. Así, Ferrol dispoñerá antes de acabar o ano do seu primeiro albergue público, que está a ser acondicionado na antiga Hospedería da Casa do Mar, e están previstas actuacións similares na Coruña, Piñor e Riós.
Estes albergues contribuirán a facer fronte ao aumento de peregrinos que se está rexistrado este ano, con cifras que non só igualaron xa as previas á pandemia, senón que están a mellorar incluso os mellores rexistros históricos, tal como ocorreu durante o pasado abril, no que se estableceu un novo récord de compostelas para ese mes: máis de 38.000.