“A provincia que sabe”, nova campaña da Deputación da Coruña

Esta iniciativa promocional dos produtos agroalimentarios e da gastronomía da provincia da Coruña foi presentada no Galicia Fórum Gastronómico.

 

Os conceptos de sabedoría e sabor danse a man na nova campaña promocional lanzada pola Deputación da Coruña. O lema “A provincia que sabe” xoga con esas dúas ideas para publicitar os produtos agroalimentarios e a gastronomía de calidade dese territorio. “Queremos que cando o público escoite ‘A provincia que sabe’ pense automaticamente na Coruña”, explicou o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo do organismo provincial, Xosé Regueira, durante a posta de longo da campaña realizada durante a pasada edición do Galicia Fórum Gastronómico.

 

Alcaldes, concelleiros, técnicos de turismo, profesionais do sector da restauración, produtores e representantes dos xeodestinos da provincia acudiron á presentación desta campaña que incide tamén na idea de sustentabilidade e coa que a Deputación non pretende interferir noutras marcas, senón servir de “paraugas” a todas elas: produtos ou establecementos con selos como a Q de calidade, denominacións de orixe ou Indicacións xeográficas protexidas, ademais doutras empresas cuxo compromiso coa sustentabilidade e o desenvolvemento do territorio estea avalada polo seu xeodestino correspondente. Para difundir a campaña, a Deputación da Coruña editará materiais promocionais que poñerá ao dispor das empresas e os entes de xestión beneficiarios das axudas provinciais para a mellora da calidade e a competitividade.

 

Pretende así chegar tanto aos turistas interesados en especial pola gastronomía como aos profesionais da distribución e a restauración, aos clubs de produtos gourmet e ao comercio en liña. Ademais, a aposta por ese perfil de turista esixente e disposto a desprazarse en busca de experiencias de calidade contribuirá a fomentar a desestacionalización.