A previsión de ocupación do turismo rural galego mellora en agosto, situándose arredor do 50%

A previsión de ocupación do turismo rural galego mellora en agosto, situándose arredor do 50%

EscapadaRural.com sitúa ao territorio galego como a sexta comunidade autónoma con maior ocupación no país, cinco punto por encima das cifras de 2018

Segundo datos do portal especializado EscapadaRural.com, a previsión de ocupación dos aloxamentos de turismo rural galegos estaría en torno ao 50%, cinco puntos porcentuais máis que en 2018. Este dato sitúa a Galicia como a sexta comunidade autónoma con máis ocupación do país para este período do ano, sendo a media nacional do 46% de ocupación no aloxamento rurais inscritos neste portal de reservas.
Cesáreo Pardal, presidente Clúster de Turismo de Galicia, móstrase optimista: “As expectativas para o mes de agosto son boas. Prevemos pechar agosto superando a cifra conseguida o ano pasado, despois duns meses de xuño e xullo algo frouxos, aínda que aos poucos imos levantando cabeza”, asegura.
A nivel nacional, a cifra para o mes de agosto sitúase a día de hoxe no 46%, catro puntos porcentuais superior ás de 2018 por estas mesmas datas, segundo 10.125 calendarios actualizados de aloxamentos xestionados por EscapadaRural.com.
Este dato apunta a que este verán máis turistas elixirán establecementos rurais para gozar das súas vacacións, o que demostra o cambio estrutural no posicionamento turístico de España que empeza a mirar máis aló do tradicional turismo de sol e praia.

Navarra, Asturias e Andalucía, líderes indiscutibles
Por comunidades autónomas Navarra (61%), Asturias (59%) e Andalucía (54%) lideran as reservas para o mes por excelencia do turismo no noso país. O top 10 da previsión complétao Cataluña (52%), Galicia (50%), Murcia, Cantabria e País Vasco co 49%, Comunidade Valenciana (41%) e Aragón (40%). Á cola atópanse Castela-A Mancha que alcanza só o 28% de ocupación, un dato similar ao que presentan A Rioxa (29%), Madrid (32%) e Estremadura (35%).
Málaga é, no caso das provincias, a que máis viaxeiros recibirá en agosto ao situarse a ocupación no 65%, seguida moi de preto por Pontevedra e Cádiz, cun 64% e 63% respectivamente; Navarra (61%), Asturias e Córdoba cun 59%, e Barcelona (57%). Os últimos postos da táboa ocúpanos A Rioxa (29%) Zaragoza (28%), Albacete (27%), Guadalaxara (21%) e Conca (20%). “O ano pasado pechamos agosto cunha ocupación media do 51% e a previsión a estas alturas era dous puntos porcentuais menor á que temos hoxe, así que confiamos superar en ocupación o ano anterior”, afirma Ana Alonso, Directora de Comunicación e de Relacións Institucionais de EscapadaRural.com.