A praia de Pantín acolle ata o 7 de setembro o ABANCA Galicia Classic Surf Pro que recibirá a deportistas de máis de 30 países

classicSurfPro

A praia de Pantín acolle ata o 7 de setembro o ABANCA Galicia Classic Surf Pro que recibirá a deportistas de máis de 30 países

O ABANCA Galicia Classic Surf Pro foi presentado oficialmente este martes (27 de agosto) na praia de Pantín (Valdoviño, Ferrolterra), nun acto onde o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, destacaron o carácter internacional desta proba deportiva incluída dentro do circuíto da World Surf League (WSL), que recibiu na súa última edición máis de 1000.000 visitantes, entre eles preto de 350 deportistas procedentes de 31 países.

“A proba tivo un gran salto de calidade este ano que coloca a Galicia no top internacional xunto con Nova York ou Australia, entre outros”, apuntou o conselleiro. “O ABANCA Galicia Classic Surf Pro é unha acción deportiva que ten unha repercusión turística de primeiro nivel, debido a que aproveita un recurso natural como é a nosa costa  galega, ideal para o desenvolvemento dun deporte como o surf”, explicou.

O Abanca Galicia Classic Surf Prol, que celebra a súa trixésimo segunda edición en Ferrolterra ata o próximo 7 de setembro, é o campionato de surf máis importante de España e o cuarto máis lonxevo de todo o mundo.

Centro do surf mundial

O ABANCA Galicia Classic Surf Pro é, xunto co que se desenvolveu durante este mes en  California, un dos  QS/10.000, que reúne ás competicións masculina e feminina, un feito sen precedentes no ámbito europeo. Ademais este ano celébrase en Pantín unha das catro únicas probas do campionato mundial absoluto World Longboard Championship (a única en Europa, xunto con  Noosa (Australia), Nova York e  Taiwan), fundamental para a clasificación dos próximos Xogos Olímpicos de Tokio, onde o surf será deporte olímpico por primeira vez.

Proxección exterior e desestacionalización

O responsable de Cultura e Turismo remarca o impulso da Xunta a este evento, pois “a internacionalización e a proxección exterior da comunidade é un dos obxectivos do Goberno galego no sector turístico”. Quixo poñer tamén este evento como exemplo de modelo turístico, o de “ofrecer experiencias baseadas nas particularidades de cada territorio co fin de atraer visitantes durante todo o ano ás diferentes zonas da xeografía galega.”