A nova ruta dos Trens Turísticos de Galicia adicada ós Camiños de Santiago realizou a súa primeira saída co 100% de ocupación.

A nova ruta dos Trens Turísticos de Galicia adicada ós Camiños de Santiago realizou a súa primeira saída co 100% de ocupación.

A sétima edición dos Trens Turísticos de Galicia está a ter unha gran acollida entre os viaxeiros. Este ano a principal novidade é a Ruta dos Camiños de Santiago, coa que se suman un total de doce percorridos para descubrir Galicia de forma diferente.

Esta aposta por deixar de lado o coche para coñecer o noso patrimonio natural, os pazos e xardíns, a viticultura ou o a historia medieval de Galicia, sempre acompañados dun guía especializado, fixo que os trens turísticos acadaran en conxunto unha ocupación superior ao 94% no mes de xuño.

No caso da Ruta dos Camiños de Santiago a súa primeira saída contou co 100% de ocupación, constatando así o éxito deste produto turístico impulsado pola Xunta en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Na antesala do Xacobeo 21, incorporouse este percorrido que permite descubrir gran parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Francés, Norte, Primitivo e Inglés. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) o itinerario achégase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de San Xulián de Samos (Camiño Francés) percorrendo así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia. A próxima saída non será ata o 28 de setembro.

Ademáis desta nova ruta, a sétima edición mantén as xa coñecidas Ruta dos Faros, Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, Ruta da Lamprea, a Ruta Ourense Termal e Versalles galego.

Tamén están presentes os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícola: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra –tanto no río Sil como no Miño–, Ribeiro e Valdeorras, así como a Ruta dos Mosteiros que, tras o éxito do ano pasado, duplica as súas saídas nesta edición.

Novo punto de venta en Santiago

Os trens turísticos operan entre os meses de xuño e outubro. As rutas inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 45 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 ou máis adultos) e 20 euros para os nenos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e, como novidade, tamén se habilitou este ano un punto físico de venta de billetes na oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario. Os mapas dos percorridos e o calendario de saídas atópase na web de Turismo de Galicia