A misión comercial do Clúster aterra na WTM de Londres esta semana

A misión comercial do Clúster aterra na WTM de Londres esta semana

  • A nova edición da feira turística da capital británica celébrase do 5 ao 7 de novembro.

O sector turístico galego estará presente un ano máis na World Travel Market London, a feira turística internacional que desde 1980 reúne de forma anual aos actores máis importantes do sector turístico dos cinco continentes. Este ano celebrarase do 5 ao 7 de novembro no centro de exposicións ExCeL.

 

O Clúster Turismo de Galicia participa cunha delegación de 16 persoas integrada polo presidente do Clúster, Cesáreo Pardal; o vicepresidente, Jesús Picallo; o tesoureiro, Alfonso Martínez; o vogal, Francisco González; pola marca turística ‘Galicia Destino Sostible’, e polos representantes das empresas turísticas Iberik Hoteles, Tee Travel, Pazo Los Escudos Hotel & Spa Resort 5*, Hotel Carlos I Silgar, Viajes Camino de Santiago, Oca Hoteles, Grupo Carrís, Expourense e Artnatura Galicia.

 

Durante a feira, Turismo de Galicia dispoñerá dunha caseta expositiva propia. Nesta, o Cluster poñerá ao dispor dos representantes das empresas un espazo co obxectivo de que poidan dar a coñecer as súas propostas á marxe dos propios contactos ou reunións que cada un deles xestione durante o evento.

 

A WTM de Londres é un dos eventos de referencia para establecer novas conexións. Na pasada edición, a feira internacional recibiu a máis de 40.000 profesionais de 184 países diferentes.