Hostalaría Compostela reclama diálogo coa Xunta e unha folla de ruta clara para a recuperación do sector

Hostalaría Compostela reclama diálogo coa Xunta e unha folla de ruta clara para a recuperación do sector

Solicitan a supresión de taxas municipais até o verán do ano que vén e que se lle dean facilidades aos establecementos para seguir explotando as terrazas durante os próximos meses

A Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago mantiveron nos últimos días diversas reunións con Compostela Aberta e o BNG aos que manifestaron a necesidade de abrir un diálogo directo coa Xunta e establecer unha folla de ruta clara e consensuada co sector para a reactivación dun sector profundamente afectado pola crise da COVID19. Ademais, volveron manifestar o seu rexeitamento á medida adoptada pola Consellería de Sanidade en canto ao peche do lecer nocturno e reclamaron a eliminación desta medida.

Neste sentido, os hostaleiros aseguraron que a proposta da Xunta de permitir a apertura ao exterior destes establecementos é insuficiente posto que moitos deles carecen de espazo para terrazas e os que as teñen, teñen poucas opcións de usalas de face ao inverno.

Nos dous encontros, ademais, solicitouse tamén a supresión dalgunhas taxas municipais como a do lixo, até o verán de 2021 e que se facilite a actividade no exterior dos locais, permitindo pór en marcha estufas de calefacción que permitan prolongar o uso das terrazas até finais de ano.

Outras cuestións que veñen reclamando tamén desde estas asociacións é a prórroga permanente dos ERTES até a plena recuperación do sector, axudas directoras aos traballadores autónomos que non poidan abrir os seus negocios, exención das cotas da Seguridade Social e redución do IVE ao 7%.