Cesáreo Pardal participou na nova reunión celebrada no Porto para abordar a posibilidade de presentar unha candidatura ao POCTEP.
O proxecto está contemplado no Plan Director de Turismo 2021-2023 Galicia Destino Seguro.
Os representantes dos sectores turísticos de ambas beiras do río Miño seguen dando pasos para facer realidade o proxecto de constituír un Clúster de Turismo Transfronteirizo Galicia Norte de Portugal. Así o abordaban xa o pasado mes de maio durante a reunión que tivo lugar no Porto aproveitando a celebración do workshop organizado polo Clúster Turismo de Galicia cunha trintena de empresas galegas, e así o volveron a tratar a semana pasada nun novo encontro celebrado nesa cidade portuguesa.
A sede da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal acolleu esta nova reunión na que tomaron parte o presidente e o vicepresidente do devandito organismo, Antonio Cunha e Beraldino Piñeiro; a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira; a responsable da área de Calidade e Proxectos Europeos da Axencia Turismo de Galicia, Laura González-Dopeso; unha representación de Turismo do Porto e Norte encabezada polo seu presidente, Luís Pedro Martins; o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), Nuno Almeida, o subdirector, Xosé Lago; o xerente, Alfonso Rubio, e outros representantes desa entidade, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
Todos eles mostraron a súa boa disposición a traballar conxuntamente para presentar ao Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) unha candidatura para a creación deste Clúster de Turismo Transfronteirizo. De feito, o proxecto está xa contemplado no Plan Director de Turismo 2021-2023: Galicia Destino Seguro elaborado pola Xunta, o Clúster Turismo de Galicia e as tres universidades galegas.
Desde as empresas privadas do sector turístico hai un gran interese pola posta en marcha desta nova entidade conxunta de Galicia e o Norte Portugal posto que dispoñería da dimensión necesaria para acceder a mercados con gran potencial como Estados Unidos e Canadá.