Galicia brilla con máis forza na Guía Michelin

Os restaurantes O Pazo, de Padrón, e Ceibe, de Ourense, logran a súa primeira estrela e súmanse a outra ducia de establecementos galegos.

 

Pepe Vieira consegue a súa segunda estrela e únese a Culler de Pau, ambos membros do Club de Produto Galicia Destino Sostible, como representante da comunidade nesta posición do podio culinario.

 

A gastronomía galega brilla cada vez con máis forza no firmamento culinario da Guía Michelin. Dous restaurantes da comunidade conquistaron na gala celebrada o pasado martes as súas primeiras estrelas elevando a case unha vintena o número de establecementos galegos distinguidos pola prestixiosa publicación gastronómica. Trátase de O Pazo, o restaurante que comandan desde Padrón os irmáns Óscar e Manuel Vidal, e o restaurante Ceibe, proxecto radicado en Ourense e dirixido por Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes.

 

Ademais, a gala celebrada en Toledo e na que foron galardoados un total de 289 establecementos de España, Portugal e Andorra, serviu tamén para que Galicia poida presumir do seu segundo restaurante con dúas estrelas Michelin ao sumar Pepe Vieira para o seu local de Poio unha nova estrela á que xa ostentaba desde o ano 2009. Pepe Vieira únese así a Culler de Pau, o restaurante que dirixe no Grove Javier Olleros, no segundo escalafón do podio da Guía Michelin. Dáse a circunstancia, ademais, de que ambos restaurantes son membros do Club de Produto Galicia Destino Sostible creado polo Clúster Turismo de Galicia, o que confirma que a calidade e a sustentabilidade poden maridar á perfección.

 

En canto ao resto dos establecementos galegos distinguidos coas estrelas, a lista só sofre a baixa xa sabida do compostelán Auga e Mar, que pechou as súas portas o pasado maio, só uns meses despois de obter este prezado recoñecemento. Si manteñen a súa estrela O Eirado (Pontevedra), Silabario (Vigo), Maruja Limón (Vigo), Casa Solla, (Poio), Yayo Daporta (Cambados), Nova (Ourense), Miguel González (Pereiro de Aguiar), A Tafona (Santiago), Casa Marcelo(Santiago), Árbore da Veira (A Coruña), As Garzas (Malpica) e O Retiro da Costiña (Santa Comba).