O sector turístico galego, presente na WTM de Londres

O sector turístico galego, presente na WTM de Londres

  • A feira internacional de turismo celébrase na capital inglesa do 6 ao 8 de novembro.
  • Unha decena de empresas forman parte da misión comercial do Clúster.

 

O sector turístico galego está presente esta semana na World Travel Market London, a feira turística internacional que desde 1980 reúne de xeito anual aos actores máis importantes do sector turístico dos cinco continentes. A Axencia Turismo de Galicia dispón dun espazo expositivo propio no recinto do centro de exposicións ExCeL.

 

O Clúster Turismo de Galicia participa neste evento cunha delegación galega integrada polo presidente do Clúster, Cesáreo Pardal; o vicepresidente, Jesús Picallo; o tesoureiro, Alfonso Martínez; o vocal, Francisco González; e representantes dunha decena de empresas de diversos subsectores turísticos como as axencias de viaxes, os aloxamentos e a oferta complementaria. A misión comercial está conformada polas empresas turísticas Tee Travel, Mega Mundo Estrella Galicia, Carris Hoteles, Hotel Carlos I, Pilgrim Travel, Artnatura Galicia, Viajes Interrías, Oca Hotels, Viajes Camino de Santiago e Hotel Pazo de los Escudos.

 

O Clúster pon á disposición dos representantes destas empresas un espazo dentro da caseta de Turismo de Galicia, co obxectivo de que poidan dar a coñecer as súas propostas á marxe dos propios contactos ou reunións que cada un deles xestione durante a súa estancia na feira londinense.

 

Os responsables da WTM London destacan esta feira internacional como “o evento de viaxes e turismo máis influente a nivel mundial”. Na pasada edición, a WTM recibiu a máis de 35.000 profesionais de ata 184 países diferentes, proporcionando un espazo de networking para xerar novos contactos e oportunidades de negocio.