O Outono Gastronómico en Turismo Rural contará coa participación de 86 establecementos e 172 menús diferentes

O Outono Gastronómico en Turismo Rural contará coa participación de 86 establecementos e 172 menús diferentes

Entre o 14 de setembro e o 16 de decembro Turismo de Galicia volve pór en marcha a súa iniciativa Outono Gastronómico, coa que se pretende seguir fomentando a elección de Galicia para gozala tamén no outono, especialmente no turismo rural, que mellorou as súas cifras de ocupación neste período nos últimos anos.

En parella, en familia ou con amigos, o programa permite gozar de fins de semana en casas de turismo rural con prezos que van desde os 30 euros aos 300 en función da modalidade elixida polo viaxeiro e que inclúen propostas culinarias, deseñadas para a ocasión. Ao longo das súas 11 edicións anteriores, preto de 60.000 persoas participaron xa no outono gastronómico, que foi premiado na edición de Fitur de 2016 como Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de Enogastronomía.

Nesta ocasión, adhírense a esta proposta 23 casas de turismo rural da provincia da Coruña, 19 de Lugo, 25 de Pontevedra e 19 de Ourense. Todas elas ofrecen diferentes propostas que se adaptan ao tipo de viaxeiros, ás súas preferencias ou á duración da estancia. Estarán dispoñibles todos os fins de semana, excepto os do 12 a 14 de outubro e 7 a 9 de decembro:

– Oferta Menú Outono Gastronómico, deseñada exclusivamente para esta ocasión, inclúe entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños das distintas denominacións de orixe galegas e outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa.

– Tamén se ofrece a posibilidade do Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú Outono gastronómico e pasar a noite na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta segunda modalidade prevé un menú por persoa máis aloxamento e almorzo, a escoller entre a noite de venres ou sábado. O prezo é de 120 euros para dúas persoas en habitación dobre ou de 80 euros para unha persoa en habitación individual.

– Outra das opcións é gozar do Fin de semana Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento, na noite de venres e sábado. O prezo é de 200 euros para dúas persoas en habitación dobre e 140 para unha persoa en habitación individual.

– E se se quere compartir coa familia un fin de semana, existe o Fin de semana familiar Outono Gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos até 14 anos. Para parellas acompañadas dun neno, a oferta de menús e aloxamento será de 260 euros, mentres que para as que vaian acompañadas de dúas o prezo será de 300 euros.

Novos Plan de Turismo Rural e Enogastrónomico

Como en edicións anteriores, ponse a disposición dos viaxeiros guías informativas que poderán atoparse nos propios establecementos de turismo rural participantes, nas oficinas de turismo, nos campos de golf e noutros espazos públicos de Galicia. Tamén se distribuirán carteis e dípticos para a súa divulgación e promoverase nas redes sociais. Toda a información está dispoñible na web de Turismo de Galicia e outonogastronomico2018.com.