A cuarta edición de Fairway celebrarase os días 7, 8 e 9 de novembro en Compostela.
Máis de 70 expositores de toda a península relacionados co Camiño de Santiago tomarán parte os días 7, 8 e 9 de novembro en Compostela na cuarta edición de Fairway, o fórum sobre o turismo ao redor das rutas de peregrinación á tumba do Apóstolo. Entre os participantes estará de novo o Clúster Turismo de Galicia, que dispoñerá dun espacio propio para dar a coñecer o labor que a entidade realiza como gran voz do turismo galego agrupando a máis 70 empresas e colectivos do sector.
A presenza do Clúster non se limitará aos labores de difusión que realizará desde o seu espazo expositivo. O presidente da entidade, Cesáreo Pardal, é un dos expertos convidados a formar parte da mesa de debate que se celebrará o martes 9 baixo o título de “Camiño seguro no Xacobeo 2022 tras a Covid-19”. Xunto a el estarán Ildefonso de la Campa, director da S. A. de xestión do Xacobeo; Antonio Leira, deputado da Deputación da Coruña; Miguel Ángel Rodríguez Aira, presidente da Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber); representantes do Centro Superior de Hostalería de Galicia, das asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e doutras comunidades autónomas, e o profesor emérito de Medicina Preventiva Juan Gestal, que se encargará da presentación.
O programa desta nova edición de Fairway combinará o apartado feiral, no que se darán cita empresas, institucións e destinos turísticos; con workshops, que permitirán coñecer a destacados operadores no ámbito internacional; un congreso no que serán abordados temas de actualidade, tendencias, aspectos formativos e outros asuntos de interese para o sector, e un espazo de formación (Fairway Academy) con obradoiros e mesas de debate coa participación de expertos. Todo iso nun formato híbrido presencial/en-liña para permitir que se poida participar tamén de forma remota grazas as transmisións en streaming. As actividades desenvolveranse no Palacio de Congresos compostelán.
Máis información en https://2021.fairwaysantiago.com/