O prazo para inscribirse na misión comercial que organiza a entidade estará aberto ata o 1 de outubro.
Un ano máis o Clúster Turismo de Galicia estará presente a través dunha misión comercial na Feira Internacional de Turismo de Londres (WTM London), que se desenvolverá os próximos días 1, 2 e 3 de novembro na capital británica. Tras a edición dixital do ano pasado, o evento londiniense recupera o seu formato habitual reunindo no recinto feiral ExCeL London ás mellores empresas e aos profesionais máis destacados do sector no ámbito internacional. A presenza do Clúster Turismo de Galicia permitirá aos representantes galegos manter reunións, establecer contactos, levar a cabo actividades comerciais e coñecer as últimas tendencias, novidades e produtos do sector.
O prazo para inscribirse e formar parte de comitiva estará aberto ata o 1 de outubro e os interesados en facelo deben poñerse en contacto co Clúster enviando un correo electrónico a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com no que fagan constar os seus datos persoais (nome, apelidos e DNI) e os datos da entidade asociada ao Clúster (razón social, domicilio social e NIF) para poder efectuar a pre-reserva. Tamén poden solicitar a través dese mesmo correo máis información sobre os detalles da misión comercial.
Os integrantes da misión comercial voarán desde Santiago de Compostela a Londres o 31 de outubro e regresarán á capital galega o 3 de novembro. Entre as actividades previstas figuran dúas ceas networking.
O número máximo de participantes é de 16 persoas. A actividade está dirixida tanto a representantes do sector da comercialización e a distribución (maioristas e axencias de viaxes), como do aloxamento e a oferta complementaria (hoteis, cámpings, turismo rural, turismo activo, náutico, congresos…), e aos responsables doutras entidades relacionadas tamén co ámbito do turismo.