O Clúster Turismo de Galicia reforzou a promoción do destino con tres campañas estratéxicas en 2025

O Clúster Turismo de Galicia reforzou a promoción do destino con tres campañas estratéxicas en 2025

  • Con elas promocionáronse as iniciativas ‘Galicia Destino Sostible’ e ‘Galicia Destino Familiar’

 

Ao longo de 2025, o Clúster Turismo de Galicia, co apoio da Xunta-Axencia Turismo de Galicia, desenvolveu tres campañas promocionais clave orientadas a consolidar Galicia como un destino familiar, sostible e de calidade. As accións, deseñadas para públicos e obxectivos diferenciados, combinaron creatividade, estratexia dixital e presenza en medios, logrando un notable impacto e resultados medibles.

 

  • “Galicia, tan de todos”, para promocionar o selo de calidade ‘Galicia Destino Familiar’

 

Baixo a marca ‘Galicia Destino Familiar’, a campaña “Galicia, tan de todos” apostou por un enfoque emocional para amosar Galicia coma un territorio acolledor e auténtico para gozar en familia.

 

Con pezas audiovisuais, unha landing específica, accións de paid media e un sorteo en redes sociais, a campaña de Google e Meta Ads alcanzou preto de 800.000 impresións e máis de 4.700 clics, ademais de xerar un crecemento significativo da comunidade dixital, con 238 novos seguidores e un aumento do compromiso do 286 %, reforzando a visibilidade do destino nun período clave para a desestacionalización.

 

  • “+ Galicia, + Sostible”, a campaña de sorteos de experiencias sostibles

 

A campaña “+ Galicia, + Sostible”, vinculada a ‘Galicia Destino Sostible’, desenvolveuse en dúas fases ao longo do ano (abril-marzo e outubro-novembro) co obxectivo de promover un modelo de turismo máis consciente e responsable.

 

A estratexia incluíu unha intensa activación dixital, colaboracións con creadoras de contido e unha ampla dinámica de sorteos. A campaña de Google e Meta Ads superou os 8,9 millóns de impresións e os 45.000 clics. Ademais, as redes sociais sumaron máis de 1.700 novos seguidores e multiplicaron o compromiso nun 453%, consolidando a GDS como unha marca con forte capacidade de conexión emocional.

 

  • Campaña de medios para ‘Galicia Destino Sostible’

 

Por último, o Clúster impulsou unha campaña en televisión e radio dirixida á poboación galega para reforzar o coñecemento de ‘Galicia Destino Sostible’ e fomentar o turismo interno e de proximidade.

 

A difusión na Televisión de Galicia e nas principais emisoras autonómicas de Galicia e Asturias garantiu unha elevada cobertura, cun alcance estimado de 38,8 millóns de persoas nos medios pagos, con preto de 39,5 millóns de impactos, fortalecendo o posicionamento da marca nun momento estratéxico para o sector.