Cesáreo Pardal destaca que a acción está dirixida ás persoas que viaxan dende Galicia ou dende España e busca alentar o desexo de volver a desfrutar dos destinos galegos e animar a outras persoas a vir por primeira vez.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, presentou hoxe a campaña “Presume de morriña” nun acto que tivo lugar no Porto de Vigo e contou coa participación do vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Vázquez Almuíña; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
Esta acción é unha continuación e adaptación aos novos escenarios da campaña “Presume de Galicia”, que se desenvolve nas redes sociais e que conta cunha comunidade de máis de 11.000 persoas seguidoras en Instagram, máis de 3.000 en Twitter e unha páxina con cerca de 100.000 adhesións en Facebook.
Segundo explicou Cesáreo Pardal, a campaña diríxese ao tipo de turismo que se prevé que protagonice o período de recuperación da actividade tras a pandemia. Este novo perfil foi identificado no proceso de elaboración do Plan Director “Galicia destino seguro” 2021-2023, elaborado pola Xunta de Galicia e o Clúster coa participación da industria e das tres universidades galegas. Este traballo puxo de manifesto a oportunidade que representa para Galicia poder ofrecer un destino seguro, pouco masificado e en contacto coa natureza.
O traballo tamén destacou que, nunha primeira fase, as persoas visitantes chegarían ao destino en coche e en grupos moi reducidos. Ademais, nesa busca de seguridade, as persoas viaxeiras elixirían en primeiro lugar destinos e establecementos xa coñecidos nos que confían.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia indicou que os bos resultados deste verán demostran o acerto nas previsións e na estratexia definida no Plan Director “Galicia destino seguro”.
Neste sentido, destacou que a campaña que hoxe se presentou está dirixida a ese tipo de turismo: persoas chegadas dende outros puntos de Galicia ou dende España, en grupos familiares e con gañas de repetir unha experiencia xa vivida. A campaña busca tamén alentar o desexo de persoas que poidan viaxar por primeira vez a Galicia animadas polas experiencias compartidas nas redes sociais.
Cesáreo Pardal destacou que o concepto de morriña describe perfectamente ese desexo de volver a Galicia, cunha compoñente emocional coherente coa capacidade de comunicación e prescrición das redes sociais.
As persoas que queiran participar na campaña deberán compartir en redes sociais fotografías ou vídeos acompañados de pequenos textos nos que describan unha vivencia en Galicia. A páxina web presumedegalicia.com foi dotada cunha ferramenta informática que permite identificar contidos nas principais redes sociais nos que se faga unha mención e apareza a etiqueta #presumedemorriña e un formulario que facilita a participación ao solicitar e automatizar o uso dos datos de rexistro nas redes.
Un xurado formado por artistas e persoas da industria turística decidirá cada mes cales son os mellores contidos. Ademais, as persoas que visitan a páxina poden tamén votar polos seus contidos favoritos. Establécense premios do xurado, premios do público e gañadores dun sorteo entre as persoas votantes que poderán desfrutar de diferentes experiencias turísticas en destinos galegos.
Ademais, ofrecerase ás empresas turísticas a posibilidade de adherirse á campaña e animar aos seus clientes a participar e a compartir contidos nos que se cite aos establecementos.
No acto de hoxe foi presentado tamén un vídeo que se utilizará para a promoción da campaña, na que profesionais do turismo de Galicia “presumen de morriña” e animan á participación.