O Clúster Turismo de Galicia pon en marcha o seu cuarto plan formativo dirixido ao sector turístico galego

ACTIVIDADES

O Clúster Turismo de Galicia pon en marcha o seu cuarto plan formativo dirixido ao sector turístico galego

O programa componse de seminarios, xornadas e talleres que se impartirán gratuitamente durante setembro, outubro e novembro en 10 localidades galegas

Abordaranse temas como a internacionalización, mercadotecnia dixital, comercialización, habilidades de comunicación ou contorna legal, entre outros

Dentro do plan inclúese un Programa de Desenvolvemento Directivo que se celebrará en Compostela especialmente orientado a cadros directivos

O Clúster de Turismo de Galicia (CTG) volve pór en marcha para o próximo trimestre un ambicioso plan de formación orientado aos profesionais do sector turístico galego que incluirá seminarios, talleres, xornadas formativas e un programa de Desarrrollo directivo de 100 horas de duración orientado a profesionais que ocupan postos de responsabilidade. O programa, que se desenvolverá entre os meses de setembro e novembro en dez localidades do catro provincias supón a cuarta edición do Plan de Formación impulsado por esta entidade que agrupa ao 95% do sector turístico galego.
Con esta iniciativa no ámbito formativo, o Clúster Turismo de Galicia busca seguir profundando na cualificación dos equipos humanos do sector turístico galego, con especial énfase nos cadros directivos das empresas, co obxecto de mellorar a súa competitividade a través da calidade na prestación e na xestión da actividade turística, cumprindo así un dos obxectivos fixados na Estratexia do Turismo de Galicia 2020.
Entre as temáticas que abordarán as diferentes accións formativas cóntanse as tendencias globais na internacionalización de destinos, a mercadotecnia dixital, a excelencia no servizo ao cliente, as habilidades de comunicación e xestión de conflitos así como a contorna legal ou o impacto do novo Regulamento de Protección de Datos de Carácter Persoal.

Algúns destes talleres impartiranse en diferentes localidades galegas como Lalín, Pontevedra, Vigo, A Coruña, Sanxenxo, Monforte ou na área de Costa da Morte mentres que outras xornadas desenvolveranse en exclusiva en Santiago de Compostela.
O obxectivo final é que o maior número de profesionais poidan acceder de forma fácil e gratuíta á formación, tan necesaria para afrontar con garantías as esixencias do mercado actual, tal e como se veu facendo nas anteriores edicións deste plan de formación. E é que, en palabras do presidente do Clúster Turismo de Galicia, a finalidade é que o sector siga formándose para contruir un sector con garantías de futuro, capaz de ofrecerlle ao turista unha experiencia única, profesional e de calidade.

Formación para directivos
Esta nova edición o programa porase en marcha o próximo 4 de setembro cunha xornada de presentación do Programa Directivo que terá lugar en Compostela e que contará cunha charla que impartirá José Alcañiz ao redor dunha das temáticas que se estudarán no devandito programa, a mercadotecnia dixital orientado ao sector turístico. Este programa orientado a directivos terá unha duración de 100 horas e impartirase de forma presencial en Compostela os martes e mércores pola tarde entre os meses de setembro, outubro e novembro. Durante este tempo abordaranse temáticas como Estratexias de diferenciación na empresa turística; Revenue management; xestión de compra e melloras financeiras, mercadotecnia dixital, estratexias e oportunidades de internacionalización ou liderado, entre outras.
Tanto este programa concreto como o resto das accións formativas desta edición estarán a cargo do Instituto de Educación Superior Intercontinal da Empresa (IESIDE) para o que se contará cun equipo de profesionais con ampla experiencia tanto a nivel formativo como de experiencia sectorial.

Programa completo e inscricións
O calendario completo de xornadas, talleres e seminarios xa pode consultarse na web do Clúster a través da ligazón: https://clusterturismogalicia.comformacion-2018/, desde onde os interesados poderán acceder a cada un dos eventos e realizar a inscrición, cuxo prazo xa está aberto. Cabe lembrar que todas as formacións que leva a cabo o Clúster Turismo de Galicia son gratuítas en virtude do acordo de colaboración asinado con Turismo de Galicia para a mellora da formación no sector turístico galego.