O Clúster incorpórase á Mesa do Turismo de España

A adhesión, acordada polo Consello Directivo da Mesa, foi ratificada na súa asemblea de socios celebrada en Madrid coa presenza do presidente do Clúster, Cesáreo Pardal.

 

A Mesa está integrada por personalidades, empresas e profesionais do sector e ten como obxectivo principal o estudo e a divulgación da importancia do turismo como factor de desenvolvemento económico e social.

 

O Clúster Turismo de Galicia xa forma parte da Mesa do Turismo de España, unha entidade que se define como “un grupo de encontro, diálogo e estados de opinión formado por preto dun centenar de destacadas personalidades, empresas e profesionais do sector privado turístico español” e cuxo obxectivo principal é o “estudo, coordinación privada e divulgación da función do Turismo no marco da economía de mercado, como factor esencial do desenvolvemento económico e social.

 

A incorporación do Clúster fora aprobada polo Consello Directivo da entidade que preside o empresario Juan Molas Marcellés, foi ratificada na asemblea ordinaria anual da Mesa celebrada este mércores, 15 de febreiro, en Madrid, e na que xa estivo presente para formalizar a adhesión o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal.

 

Na mesma reunión sumáronse tamén á Mesa Charo Trabado, CEO e RMP & Co-founder de GSAR Marketing-MITM Events; Víctor Moneo, director de Alianzas e Acordos Estratéxicos de Iberia; Luigi Stefanelli, director xeral de Costa Cruceros España e Portugal;  Paula Morais, directora da Área de Feiras do Palacio de Feiras e Congresos de Málaga; e Gustavo López Patto, presidente do Hotel Emperador. Ademais, a empresa de servizos dixitais orientados ao turismo e as visitas turísticas guiadas Guidum converteuse en Empresa Colaboradora.

 

A Mesa está integrada por destacadas personalidades como o director do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, Evelio Acevedo; a secretaria xeral de Turismo de Andalucía, Yolanda de Aguilar; a presidenta de OPC España, Matilde Almandoz; o director de ALSA, Isaac Álvarez; a presidenta da Federación Española de Empresarios de Cámpings, Ana Beriain Apesteguia; o director xeral de IFEMA, Juan Arriazabalaga; o presidente executivo de Air Nostrum, Carlos Bartomeu Martínez; o director de comunicación de Iberia, Juan Cierzo; o socio fundador de Reiniziat e Observatur, Marcos Franco Maganto; o vicepresidente da Confederación Española de Axencias de Viaxes, Carlos Garrido; o presidente de Globalia, Juan José Hidalgo; o presidente do Grupo Hotusa, Amancio López Seijas, e o presidente do Instituto para a Calidade Turística Española, Miguel Mirones; o director comercial de Amadeus España, David Vidal Cabaleiro, e o presidente de Enoturismo de España, José Antonio Vidal, entre outros.