‘Galicia Destino Sostible’ dá un paso máis no seu compromiso co turismo responsable co lanzamento dunha nova campaña que convida a descubrir Galicia desde unha perspectiva máis consciente e transformadora. Baixo o lema ‘+ Galicia, + Sostible’, esta iniciativa quere lembrar que Galicia non é só un destino que se visita, senón un lugar que sente, se vive e se coida.
A campaña, promovida polo Clúster Turismo de Galicia co apoio da Xunta de Galicia – Axencia Turismo de Galicia, busca transmitir que a verdadeira viaxe non consiste en consumir lugares, senón en preservalos, deixando unha pegada emocional, non ecolóxica. A través de mensaxes que contrapoñen conceptos como ‘menos distancia, máis km 0’, ‘menos ruído, máis tranquilidade’ ou ‘menos masificación, máis turismo slow’, a acción convida a experimentar Galicia de maneira auténtica e sostible, resaltando a importancia de protexer o seu patrimonio natural, cultural e social.
A estratexia de promoción estrutúrase en dúas vagas —abril e maio, e outubro e novembro de 2025— para fomentar a desestacionalización do turismo e atraer visitantes máis alá dos meses de maior afluencia turística. Entre as accións inclúense a difusión dunha peza audiovisual principal e varias pílulas promocionais, unha campaña de paid media en Social Ads e Google Ads, banners promocionais, o lanzamento dunha landing específica, colaboracións con influencers e sorteos nas redes sociais de ‘Galicia Destino Sostible’.
Esta nova acción reforza a idea de visitar Galicia para formar parte dun territorio vivo, onde cada elección de viaxe ten un impacto positivo no presente e no futuro. Para máis información sobre ‘Galicia Destino Sostible’ e as formas de vivir Galicia de maneira consciente, pódese visitar a web oficial ou seguir os seus perfís en redes sociais.
Adhesión a ‘Galicia Destino Sostible’
GDS conta xa con máis de 135 empresas e 150 ofertas adheridas. O club de produto serve de punto de encontro entre os turistas e as empresas, facilitando o acceso á ampla oferta turística sostible de Galicia. Para sumarse á iniciativa, as empresas teñen que cumprir a lo menos un requisito habilitante (certificación de sostibilidade; Fair´n Green; Estrela Verde da Guía MICHELIN; pertenza ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia, ou ao Club de produto Ecoturismo de España ou una certificación ambiental: ISO 14000, EMAS, etc.) ou ben o 100% dos obrigatorios e un 33% dos valorables.
A adhesión pode solicitarse a través da web galiciadestinosostible.com. Unha vez que o comité de avaliación acepte a adhesión, a empresa xestionará as súas ofertas desde o portal e gozará das vantaxes de pertencer ao club de produto de xeito gratuíto.