O Clúster de Turismo presenta o libro “Mar de Ardora”, que recompila imaxes deste fenómeno na Costa da Morte

O Clúster de Turismo presenta o libro “Mar de Ardora”, que recompila imaxes deste fenómeno na Costa da Morte

A publicación recolle o traballo da fotoxornalista Ana García sobre o fenómeno da bioluminiscencia nas praias da zona.

 

O Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate acolleu hoxe a presentación do libro Mar de ardora, no que a fotoxornalista Ana García Suárez recompila espectaculares imaxes deste fenómeno bioluminiscente en diferentes praias da Costa da Morte. Galicia é un dos pouco máis de 200 puntos no mundo nos que se observa o mar de ardora, o resplandor nocturno de brillante cor azul que provoca a acumulación do microorganismo Noctiluca scillantis na auga do mar.

 

Na presentación do libro, organizada polo Clúster Turismo de Galicia coa colaboración da Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, o Concello de Cabana de Bergantiños e a Deputación da Coruña, participaron o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal; o alcalde bergantiñán, José Muíño; e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, xunto co catedrático de Física e divulgador científico Jorge Mira.

 

Con este libro o Clúster de Turismo pon ao alcance do público o fenómeno do mar de ardora, que segundo o seu presidente “é un regalo máis desta Galicia máxica cunha natureza que non deixa de sorprendernos  e brindarnos oportunidades para desfrutar”

 

Cesáreo Pardal sinalou que o libro de Ana García “facilítanos o privilexio de visitar o mar de ardora na Costa da Morte cando queiramos” sen perder a oportunidade de velo en vivo. Pardal destacou que o reto de ver este fenómeno é xa un reclamo para os que nos visitan e un atractivo máis para Galicia, concretamente, para o turismo do mar “sempre baixo as premisas dun desenvolvemento sustentable, apoiado na transformación dixital e da man das comunidades nas que se desenvolven as nosas actividades”.

 

Estes principios rexen os Plans de Sustentabilidade en destino impulsados pola Xunta, que con máis de 30 millóns de euros dos fondos Next Generation contemplan ata 13 proxectos para potenciar a costa como reclamo para o turismo.

 

Neste sentido, o presidente do Clúster Turismo de Galicia incidiu en que “a sustentabilidade é o eixo da estratexia turística que compartimos desde o ámbito público e privado. É a única posible agora e no futuro, se queremos un futuro para o turismo.

 

Pola súa banda a autora, Ana García, sinalou que o libro presentado hoxe é “o meu retrato para todos da Costa da Morte, para que a amen, sintan e gocen. É única e irrepetible. García afirmou que “poñer a cámara ao servizo do espectáculo singular do mar de ardora foi un privilexio” e que o “mar de ardora tamén é o reflexo das miñas inquietudes e o meu desexo de contar ao mundo o que poucos podemos ver”.

 

De lenda a realidade

O mar de ardora foi desde a antigüidade unha lenda, un mito transmitido de boca en boa polos mariñeiros que relataban ter visto nas súas travesías mares ardentes, luminosos ou fosforescentes.

 

Julio Verne popularizou o mito ao mencionar por primeira vez a súa existencia en 20.000 leguas de viaxe submarina a finais do século XIX. E a lenda comezou a deixar paso á ciencia cando a partir de 1915 os científicos comezaron a rexistrar este fenómeno. Pero tiveron que pasar 90 anos ata que se publicaron as primeiras fotografías do mar de ardora no Océano Índico.

 

Desde entón téñense documentado máis de 200 mares de ardora no Océano Indico, en Indonesia, África, ao sur de Portugal, en Puerto Rico e tamén aquí, en Galicia, en diferentes puntos da Costa da Morte, das Illas Atlánticas e das Rías Baixas.