O Clúster Turismo de Galicia pon en marcha hoxe, 1 de outubro de 2025, unha campaña publicitaria para achegar a poboación galega o Club de Produto “Galicia Destino Sostible”, unha plataforma que aglutina experiencias turísticas auténticas, baseadas na sustentabilidade e no respecto pola contorna.
Esta iniciativa, impulsado polo Clúster e co financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, comezou a súa andaina hai tres anos e, actualmente, conta con máis de 140 empresas adheridas que ofrecen máis de 150 experiencias.
A campaña, que se desenvolverá en Televisión de Galicia e en diferentes emisoras de radio da nosa Comunidade e de Asturias, busca aumentar o coñecemento da plataforma Galicia Destino Sostible como o lugar de referencia, no que se está a aglutinar a oferta de experiencias sostibles da Comunidade.
O abano de posibilidades é amplo e están accesibles na páxina web galiciadestinosostible.com, onde se poden atopar desde roteiros en bicicleta, en barco ou a pé, ata paquetes que combinan gastronomía, aloxamento, enocultura, deporte e aventura, escapadas singulares ou o astroturismo.
Esta campaña complementa á que se vén desenvolvendo durante os meses de abril e maio en redes sociais, cunha landing web, unha peza audiovisual e máis dunha ducia de sorteos. As accións desta campaña, que tamén retomará a súa actividade entre outubro e novembro deste ano, permitiron sumar máis de 900 novos seguidores no Instagram do Club de Produto e acadaron máis de 7.500.000 impresións no marco da estratexia paid media.
Con esta campaña o Clúster Turismo de Galicia busca, tamén, poñer en valor o esforzo das empresas adheridas ao Club na súa aposta pola sustentabilidade e no seu compromiso coas comunidades locais nas que desenvolven a súa actividade.
Cómpre lembrar que para sumarse á iniciativa, as empresas teñen que cumprir a lo menos un requisito habilitante (certificación de sostibilidade; Fair´n Green; Estrela Verde da Guía MICHELIN; pertenza ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia, ou ao Club de produto Ecoturismo de España ou una certificación ambiental: ISO 14000, EMAS, etc.) ou ben o 100% dos obrigatorios e un 33% dos valorables.
A adhesión pode solicitarse a través da web galiciadestinosostible.com. Unha vez que o comité de avaliación acepte a adhesión, a empresa xestionará as súas ofertas desde o portal e gozará das vantaxes de pertencer ao club de produto de xeito gratuíto.