O Clúster apoia desde Madrid o salón gastronómico Xantar

O Clúster apoia desde Madrid o salón gastronómico Xantar

A Casa de Galicia da capital española acolleu unha presentación do programa da 23 edición da cita ourensá, que se celebrará do 9 ao 13 de novembro.

 

Cesáreo Pardal acompañou ao director de Xantar, Rogelio Martínez, e ao vicepresidente da Deputación e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, no acto celebrado en Madrid.

 

A posta en marcha da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Madrid e Galicia a través de Ourense é un dos alicientes engadidos cos que os responsables do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar queren impulsar a celebración da súa 23 edición. Así o demostraron coa posta en marcha dun paquete turístico en colaboración coa maiorista Sente Galicia, e coa presentación do programa que realizaron o luns 23 na Casa de Galicia de Madrid. Ata a capital española desprazáronse o director de Xantar, Rogelio Martínez; o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia e membro do comité asesor de Xantar, Cesáreo Pardal.

 

Acompañados polo director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Carlos Serrano, debullaron os detalles dunha cita que tamén pretende aproveitar o tramo final deste Ano Santo dobre 2021-22 e en cuxo programa volverá ocupar un lugar destacado a promoción da gastronomía dos lugares polos que pasan as distintas rutas de peregrinación a Santiago de Compostela.

 

As propostas de sete restaurantes de distintos puntos de Galicia, Zamora, Portugal e Estados Unidos, as actividades do décimo sétimo Encontro Internacional Sobre Gastronomía Saudable e Sostible (talleres de cociña, catas comentadas, presentacións e conferencias), o Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas, o Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos, e a nova edición do Túnel do Viño e do Concurso Gourmet Grupo Cuevas son algúns dos numerosos atractivos desta edición de Xantar, cuxo extenso programa ofrecerá máis dun centenar de actividades durante cinco días.

 

Tamén haberá un espazo dedicado á promoción das festas gastronómicas de Galicia e no espazo destinado aos expositores haberá unha ampla presenza de destinos e empresas de toda Galicia, así como doutros puntos de España e do Norte de Portugal, e mesmo doutros países, como Perú e Costa Rica.