O club de produto ‘Galicia Destino Sostible’ continúa a medrar con tres novas incorporacións e quince novas experiencias sostibles

O club de produto ‘Galicia Destino Sostible’ continúa a medrar con tres novas incorporacións e quince novas experiencias sostibles

  • O comité de avaliación aprobou o pasado venres, 11 de xullo, a incorporación de Casa Acuña, Hotel Spa Atlántico San Vicente do Mar e Hotel San Luis.
  • 15 novas experiencias súmanse á oferta da marca turística, que acumula xa máis de 170 escapadas sostibles.

 

A marca turística ‘Galicia Destino Sostible’ reforza o seu compromiso co turismo responsable ao incorporar recentemente tres novas empresas galegas: Casa Acuña, Hotel Spa Atlántico San Vicente do Mar e Hotel San Luis. Ademais disto, tamén se aprobou a incorporación de quince novas experiencias centradas na sostibilidade e o respecto pola contorna, que se suman ao catálogo xa existente do club.

 

Con estas novas altas, o club de produto continúa a consolidarse coma un espazo de referencia para o turismo sostible en Galicia, tanto polo número de empresas adheridas (máis de 140 na actualidade) como pola variedade e calidade das máis de 170 experiencias turísticas que ofrece, todas elas vinculadas ao respecto pola natureza, a identidade local e o benestar da comunidade.

 

  • Como podo adherirme a ‘Galicia Destino Sostible’?

 

As empresas interesadas en formar parte de ‘Galicia Destino Sostible’ poden iniciar o proceso de adhesión a través da web oficial, cumprindo cun dos requisitos habilitantes ou a totalidade dos obrigatorios e un terzo dos valorables. Unha vez aceptadas, poden xestionar as súas experiencias no portal e beneficiarse das vantaxes do club de forma totalmente gratuíta.

 

Desde a súa creación en 2022 por iniciativa do Clúster Turismo de Galicia co apoio da Xunta, o club promove unha rede de empresas que apostan pola sostibilidade como valor diferencial, visibilizando unha oferta turística responsable, diversa e en continuo crecemento.