O Camiño de Santiago, unha porta aberta non só a Galicia, senón tamén á mellora do benestar

O Camiño de Santiago, unha porta aberta non só a Galicia, senón tamén á mellora do benestar

A investigación do Proxecto Ultreya evidencia os efectos positivos sobre a saúde que produce a experiencia da peregrinación.

 

Que o Camiño de Santiago é unha experiencia que deixa pegada en todo aquel que o afronta é algo que os peregrinos levan repetindo desde hai séculos. Ademais, seguir os pasos que conducen ata a tumba do Apóstolo non só permite vivir en primeira persoa unha ruta milenaria, senón que se converteu, especialmente nos últimos anos, nunha forma de acceder aos moitos atractivos que Galicia pode ofrecer a quen a visita. Pero non acaban aí os beneficios do Camiño. Moitos peregrinos destacan a transformación interna que experimentan durante a ruta  as consecuencia positivas que exerce sobre o seu estado de ánimo e, en definitiva, a súa saúde mental. Agora, un estudo acaba de confirmar e medir que, en efecto, o Camiño ten un efecto sandador.

 

O Proxecto Ultreya, unha iniciativa levada a cabo por profesionais sanitarios, investigadores e especialistas no campo da atención plena e da saúde mental, lanzou os seus primeiros resultados tras analizar as experiencias de medio milleiro de peregrinos. O seu obxectivo era avaliar e tratar de transformar en datos unha expresión habitual dos peregrinos que completan a ruta (“O Camiño cambioume a vida”) medindo así o efecto sobre o seu estado de ánimo, a súa satisfacción coa vida, a felicidade e o proceso de toma de decisións, entre outros aspectos.

 

As enquisas completadas polos participantes no estudo reflicten que os peregrinos viron incrementada a súa satisfacción vital e a súa felicidade. Tamén os afectos positivos, o desapego e a coherencia cos valores experimentan un incremento unha vez completado o Camiño. Polo contra, aspectos negativos como a sintomatoloxía depresiva e ansiosa, e a tensión experimentaron unha redución nos participantes nesta investigación.

 

Ademais, os datos amosan que esa mellora do benestar e a saúde mental non se limita só ao momento inmediatamente posterior á realización da ruta cara a Compostela. As enquisas de seguimento entre os participantes realizadas tres meses despois de completar a peregrinación mostran que todas as variables estudadas seguen lanzando uns parámetros mellores aos recolleitos antes de iniciar o Camiño.

 

Investigadores e profesionais da Universitat Autónoma de Barcelona, da Universidade Federal de Sao Paulo, da Universidade de Zaragoza, da Universidade de Oxford, do Hospital da Santa Creu e Sant Pau (Barcelona) e do Instituto de Investigación Sant Joan de Déu (Barcelona) forman parte do Proxecto Ultreya. Ademais, a iniciativa contou coa colaboración da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño do Norte, da Asociación Abrindo Camiño e da Fundación Eroski.