O Camiño de Santiago contará cunha canle propia en Google

A Xunta trasladou ao Consello Xacobeo a necesidade de que a Ruta Xacobea conte coa súa propio “protocolo de medidas sanitarias específico” para reactivar o Camiño de Santiago e reorientar o Xacobeo 2021.

A Xunta e Google colaborarán na difusión e promoción internacional do Camiño de Santiago a través da creación dunha canle de contidos que divulgue a riqueza cultural do Camiño na súa condición de Patrimonio Mundial da Unesco, segundo avanzou a administración autonómica tras a reunión telemática do Consello Xacobeo, no que Galicia convidou o resto de comunidades a sumarse a este proxecto.

A canle abrirase na plataforma Google Arts&Culture, o proxecto cultural estrela de Google, que contempla a creación de exposicións interactivas, a dixitalización a grand escala de varios Camiños e dunha selección de monumentos e bens de interese cultural coa tecnoloxía Street View. Google está a planificar o inicio das gravacións baixo a coordinación da Xunta, través da Amtega e a Consellería de Cultura e Turismo.

Até o momento non existía ningunha exposición virtual deste calado dedicada ao Camiño e o fenómeno xacobeo desde a súa dimensión artística, cultural e patrimonial. O seu papel como elemento vertebrador de Europa trasládase así as novas contornas que, como está a demostrar a actual crise sanitaria, é un ámbito privilexiado para o uso, consumo e desfrute cultural, así como un punto de encontro de persoas e pobos cun potencial enorme.

Seguridade e planificación
Ademais, a Xunta atopou consenso na súa proposta de crear un protocolo de medidas sanitarias específico para a Ruta Xacobea, que se desenvolverá a través do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), con quen a Consellería de Cultura e Turismo está xa traballando. Tamén se coincidiu na petición galega de ampliar as desgravacións fiscais polo Ano Santo durante todo o 2022, unha medida que até agora concluía o 30 de setembro de 2021, e que estimularía os recursos persoais e multiplicaría a súa repercusión, tal e como explicaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, como representantes da Xunta de Galicia.

Igualmente, anunciaron a posta en marcha dunha nova iniciativa que permitirá mellorar as destrezas comunicativas en idiomas dos profesionais que traballan no Camiño. Para iso, ofreceranse conversacións online con peregrinos de distintas partes do mundo que, ademais de mellorar as competencias lingüísticas, farán posible intercambiar experiencias.

As persoas interesadas poden apuntarse de maneira gratuíta e obter máis información en www.caminodesantiago.gal/conversas-en-ingles. Deberán contar cos medios tecnolóxicos idóneos, unha dispoñibilidade de tempo que contemple os diferentes fusos horarios noutros continentes e un nivel mínimo de inglés que permita practicar unha conversación.

Análise do impacto da crise no Camiño
Desde Galicia, expúxose o traballo en marcha co obxectivo de impulsar o Xacobeo 2021 como un elemento de reactivación económica a través da creación dun grupo de expertos composto por membros de asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros. Ademais, a Xunta traballa xa coa Universidade de Santiago, a través do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), na elaboración dun estudo sobre o impacto da crise sanitaria no Camiño, unha ferramenta indispensable para orientar as políticas públicas.