A revista especializada Hosteltur recolle no seu último número unha reportaxe sobre as tendencias turísticas de 2017, tendencias que se concentran especialmente na personalización da experiencia e que veñen marcadas por tres vectores crave: crecemento, incerteza e sustentabilidade. Nesta contorna, cada vez máis empresas e destinos afánanse por innovar para diferenciarse da competencia, lanzando ao mercado novos produtos e servizos. E é que, a pesar das cifras que falan de recuperación, boas cifras para o conxunto do sector e incremento do emprego, séguense percibindo elementos que xeran incerteza: o impacto do Brexit na Unión Europea, a chegada de Trump a nivel global, o terrorismo ou o incremento imparable das vivendas de uso turístico son elementos que xeran tensión, sen esquecer que o feito de que veñan máis turistas a España “non necesariamente trasladarase en máis ingresos se se produce esa guerra de prezos ou ese tsunami de oferta non regulada”, analiza Hosteltur.
Ademais, este ano é o da sustentabilidade, e segundo datos feitos públicos en Fitur, un terzo dos turistas decantaranse este ano por destinos ecofriendly e responsables. Cada vez máis os turistas móstranse máis partidarios de participar en destino en labores como a limpeza de praias ou a contribución aos negocios locais. E o aloxamento debe ir acorde con esta sensibilidade e os hoteis con certificación de sustentabilidade convertéronse nunha verdadeira esixencia para moitos turoperadores.
A ultra personalización das experiencias, como antes comentamos, será pois unha das tendencias deste ano, aproveitando a información que ofrece o Big Data, aplicable tanto aos servizos como aos turoperadores ou aos hoteis, que optan cada vez máis por unha microsegmentación da súa clientela para poder adaptar a súa oferta aos diferentes nichos de mercado, desenvolvendo unha estratexia de personalización da experiencia que ofrecen ao cliente. Deste xeito buscan lograr a súa satisfacción plena e consecuente fidelización.
O futuro xa está aquí
Entre as tendencias que destaca Hosteltur está tamén as novidades en mobilidade (avións, taxis, vehículos de aluguer), a realidade virtual, que chega pisando forte para favorecer a fase de inspiración, a formación e o entretemento das viaxes facéndolles “experimentar” as súas viaxes en primeira persoa ou a chamado “internet das cousas”, que suporá unha verdadeira revolución nos próximo anos. A implementación desta tecnoloxía permitirá conectar diferentes dispositivos entre si para ofrecer ao hóspede unha experiencia totalmente diferente no hotel, xa que controlará xanelas, temperatura, auga, etc. desde o seu dispositivo móbil.