Boa saúde para o turismo rural en Galicia

Ourense acolleu relatorios e mesas redondas sobre este sector con motivo do 10º aniversario do Master de Turismo de Interior e de Saúde da Universidade de Vigo

O décimo aniversario do Máster en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e de Saúde da Universidade de Vigo, que coordina José Antonio Fraiz Brea serviu para converter a Ourense en lugar de análise do estado de saúde do turismo rural en Galicia e valorar as potencialidades do sector en Galicia, no marco da programación especial que con motivo deste aniversario coordinouse desde o departamento que dirixe Fraiz.  Así, e durante dúas xornadas sucedéronse en Ourense relatorios e mesas redondas sobre as perspectivas formativas, a cooperación existente entre a universidade e a empresa, saídas laborais que teñen os titulados neste master así como sobre a investigación, innovación e internacionalización no ámbito do turismo.

Como coordinador do Máster Universitario, José Antonio Fraiz Brea foi o encargado de expor ante alumnos e profesionais as potencialidades que ten o sector, cuxo volume descendeu nos últimos anos, o que propiciou que mellorasen as cifras de ocupación. Outros dous datos positivos sobre a saúde do turismo rural galego ofreceunos Myriam Tejada, responsable de comunicación de Escapada Rural, un dos organismos elaboradores do último informe do Observatorio do Turismo Rural. O primeiro deles é o feito de que “en Galicia aumentaron seis puntos máis que a media nacional os prezos no último ano” e o segundo revela que “esta semana Santa, a ocupación estará catro puntos por encima do ano pasado”.

Con todo todos os expertos coincidiron en destacar que o gran reto de futuro para o sector é a estancia media dos turistas que escollen este tipo de aloxamentos e que actualmente non supera os dous días de media tanto en Ourense como no resto de provincias galegas, excepto Pontevedra. A pesar dese desfasamento, entre 2013 e 2014 produciuse un incremento na estancia media na casa rurais da provincia, de 1,7 a 1,84 días. Por outra banda, en canto a evolución da demanda, tamén hai unha dinámica positiva en Ourense, cun aumento do 12 % en 2014 a un 14,75 % en 2015.

Ante un contexto competitivo tan grande, as solucións pasarían por un maior esforzo dos propietarios deste tipo de negocios na promoción da “oferta complementaria”, indicaba Fraiz, reivindicando o valor da riqueza monumental e paisaxística da contorna, algo no que tamén coincidía Miryam Tejada que sinalou, entre as súas recomendacións para mellorar as posibilidades de negocio destes establecementos, “coñecer ben a contorna” para, en base a el “ofrecer experiencias” a  os clientes, ben sexa relacionadas co enoturismo, cos deportes de aventura ou coas rutas paisaxísticas ou gastronómicas, ademais de destacar o gran nicho de mercado que pode supor o feito de aceptar mascotas e converter os aloxamentos de turismo rural en pet friendly. “Os viaxeiros que elixen Galicia valoran máis as instalacións para mascotas que no resto do país”, un feito que determina que os turistas que viaxan cos seus animais de compañía decántense por estancias longas polas dificultades para deixalos con outras persoas. ?Se tes un aloxamento de turismo rural que acepte mascotas comunícao, non o deixes pasar e comunícao en grande para que non pase desapercibido?, recomendou a experta que, ademais, destacou a necesidade de empregar as novas canles de comunicación para darlle visibilidade a estes negocios, creando historias orixinais e contadas desde a propia experiencia dos responsables do establecemento.

Aniversario
Estas xornadas e mesas redondas serviron como antesala ao acto conmemorativo do Master, no que participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. Na súa intervención, Nava Castro destacou as iniciativas formativas, de investigación e de xeración de coñecemento que contribúen a incrementar a competitividade do destino e a polo en valor e explicou que o Plan integral de turismo dedica unha das súas liñas estratéxicas ao fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para conseguir un sector competitivo e un destino intelixente.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia da oferta educativa superior e o esforzo que supón o seu desenvolvemento con altos niveis de calidade por isto, segundo afirmou, desde a Xunta apoiase co tres máster relacionados co Turismo que atesoura a nosa Comunidade a través de convenios de colaboración co tres universidades galegas. Nava Castro concluíu afirmando que unha correcta formación por parte dos axentes do sector, convértese nun valor engadido do destino xa que repercute nunha maior percepción de calidade por parte do turista.