Ampliación e mellora da sinalización dos recursos turísticos no rural

Co obxectivo de dotar ao medio rural das infraestruturas e sinalización adecuada para convertir o rural galego nun destino turístico accesible, Turismo de Galicia ven de ampliar a dotación orzamentaria da liña de axudas para que os concellos galegos podan adherirse a liña de axudas para a mellora destes recursos. A orde da convocatoria, publicada en marzo deste ano, amplíase así a 103 municipios que se van beneficiar de dita subvención e así o turismo galego continuará avanzando no camiño cara a sostibilidade e accesibilidade dos recursos.

Os enclaves onde se vai actuar na súa adecuación e sinalización serán os espazos naturais, as rotas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais, os bens de interese cultural e os miradoiros. Concretamente vanse levar a cabo a construción, ampliación ou mellora de aparcadoiros para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos, pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas, a construción, rehabilitación ou mellora das instalacións que contribúan a mellorar os accesos e circulación dos visitantes e a dotación de equipamentos das referidas instalacións, a rehabilitación ou mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, así como a sinalización, información visual e información táctil.

Actuacións na provincia de Pontevedra

Entre as actuacións que se van levar adiante, desde Turismo de Galicia destacaron o Mirador de Coteliño, en Baiona, a accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do medio rural do concello de Mos, a colocación de 33 paneis informativos e interpretativos no concello de Nigrán e as actuacións de posta en valor e uso público do río Maceiras no concello de Redondela. Outras das actuacións que se levará a cabo nas proximidades será a sinalización da ruta dos Muíños do Folón e do Picón do Rosal destruída por un incendio, actuacións na ponte colgante de Acevedo no concello de Oia, a sinalización do Camiño dos Frades nas Neves, a mellora da accesibilidade na praia fluvial de Maceira situada no concello de Covelo, a sinalización de diferentes recursos turísticos de Mondariz e o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do concello de Ponteareas.

Melloras en sete parroquias lucenses

Pola súa banda o concello de Lugo mellorará a sinalización turística das 7 parroquias das dúas marxes da ribeira alta do Miño e de 10 elementos culturais e paisaxísticos destes lugares, co fin de poñer en valor e incrementar o turismo na zona rural do municipio. Cun investimento de máis de 50.000 euros, o proxecto inclúe unha sinal identificativa ou interpretativa de cada un dos seguintes elementos culturais e paisaxísticos do rural do Concello de Lugo: Aceña do Rei Chiquito-Caneiro de Don Pepito (Adai); Igrexa Parroquial de Bocamaos, Caneiro de Meilán, Igrexa Parroquial de Meilán, Capela de Riazón (Ombreiro); Igrexa Parroquial Xuxaos (Orbazai); Igrexa de San Lázaro da Ponte, Hospital Carlos III (San Lázaro); Igrexa Parroquial de San Vicente de O Veral e Igrexa de San Matías (O Veral), nas parroquias de Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai e San Lázaro da Ponte.

“Estas actuacións constitúen un paso máis no labor a prol da consolidación de Galicia como un destino turístico accesible tal e como recolle o Plan Integral de Turismo de Galicia”, dixo a directora de Turismo de Galicia. Precisamente a posta en marcha de programa “Galicia Turismo Accesible” é un dos retos do Plan Integral de Turismo de Galicia e que inclúe deseñar novas accións para presentar unha oferta turística de turismo social apta para todas as persoas, con independencia da súa idade, discapacidade ou situación.