A Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega) organiza o próximo 16 de outubro a xornada “Eficiencia e Xeotermia no Sector Turístico”, un evento que contará coa colaboración do Clúster Turismo de Galicia e reunirá a profesionais do ámbito turístico, enerxético e institucional no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (Santiago de Compostela).
O encontro, que comezará ás 11:30 h, busca promover o uso de enerxías renovables e tecnoloxías eficientes no sector turístico, destacando o papel da xeotermia como motor de innovación e sustentabilidade na modernización dos aloxamentos e servizos turísticos.
A apertura institucional correrá a cargo de José Manuel Lamela Rivera, vogal da Delegación do ICOIIG en Santiago; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia; e Manuel López Portela, presidente de Acluxega.
O programa inclúe dous paneis centrados na eficiencia enerxética, as axudas dispoñibles e os casos de éxito en establecementos turísticos galegos, como o Hotel IMI (Ourense), os Apartamentos Pincheiro (A Pobra do Caramiñal) e a Casa Rural Gandarela e o Albergue Ferramenteiro (Portomarín).
A xornada está dirixida a profesionais do sector turístico, responsables de aloxamentos, técnicos enerxéticos e entidades interesadas en avanzar cara a un modelo máis sostible e competitivo. As inscricións están abertas a través do formulario habilitado na seguinte ligazón.