A Xunta abre a convocatoria do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027

A Xunta abre a convocatoria do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027

  • Un marco para incorporar proxectos á programación oficial do Ano Santo

 

A Xunta de Galicia ten xa aberta a convocatoria do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027, unha ferramenta clave para integrar proxectos na programación oficial desta cita de alcance internacional. A iniciativa permite presentar propostas vinculadas tanto a accións preparatorias previstas para 2026 como a eventos que se desenvolvan ao longo de 2027 e, pola súa continuidade, poidan estender o seu impacto durante 2028.

 

A convocatoria está concibida como un procedemento aberto que facilita a avaliación de proxectos susceptibles de ser patrocinados, garantindo unha planificación anticipada, unha maior seguridade xurídica e unha ordenación coherente da programación do Xacobeo. Os patrocinios formalizaranse mediante contratos privados de patrocinio publicitario, conforme á normativa vixente.

 

  • Iniciativas con proxección e identidade propia

 

O Plan Director diríxese a operadores económicos con experiencia acreditada na organización e produción de eventos de impacto, que poden presentar proxectos de carácter musical, artístico, expositivo, divulgativo, deportivo ou vinculados ao patrimonio, ao turismo, á innovación, á ciencia ou á creatividade. Trátase de iniciativas singulares, con identidade propia e capacidade para xerar retorno social, cultural, turístico e económico para Galicia.

 

As propostas deben encaixar nos ámbitos de actuación definidos no Plan Director, aínda que tamén se contempla a valoración doutras iniciativas que, sen responder estritamente a esas categorías, resulten coherentes cos valores, obxectivos e identidade do Xacobeo 2027. Ademais, aquelas accións que conten con patrocinios privados previos e sexan consideradas de especial interese estratéxico poderán presentarse en prazo aberto ao longo do período 2026-2028.

 

O prazo de presentación será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no DOG. Aquelas iniciativas consideradas de especial interese estratéxico para Galicia, poderán ser presentadas durante todo o período 2026-2028. Poderanse presentar a través da solicitude electrónica xenérica da sede electrónica da Xunta, código de procedemento PR004A.