O Clúster Turismo de Galicia facilita a participación de empresas no Programa Hosted Buyers da BTL Lisboa 2026

O Clúster Turismo de Galicia facilita a participación de empresas no Programa Hosted Buyers da BTL Lisboa 2026

  • O programa, orientado ao negocio B2B, desenvolverase os días 25 e 26 de febreiro

 

O Clúster Turismo de Galicia impulsa a presenza de empresas galegas no Programa Hosted Buyers da BTL de Lisboa 2026, que se celebrará entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo na Feira Internacional de Lisboa (FIL). Turismo de Galicia contará cun stand propio neste certame, un dos máis relevantes do mercado turístico portugués.

 

O Programa Hosted Buyers desenvolverase os días 25 e 26 de febreiro no pavillón multiusos da FIL e está orientado a fomentar encontros profesionais B2B entre empresas expositoras e compradores internacionais seleccionados. As reunións terán lugar nun espazo específico habilitado para o programa e permitirán establecer contactos comerciais directos nun entorno profesional.

 

  • O Clúster, en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, pon á disposición das empresas galegas 10 prazas sen custo de inscrición

 

Nesta edición, o custo de inscrición no programa ascende a 300 euros máis IVE, importe que será asumido polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia – Xunta de Galicia, poñendo á disposición das empresas interesadas un total de 10 prazas. Os participantes deberán asumir os gastos de desprazamento e aloxamento para asistir á feira.

 

A xestión das reunións realizarase a través da plataforma Business FIL, á que terán acceso as persoas confirmadas. A celebración dos encontros dependerá do interese dos Hosted Buyers, xa que serán eles quen envíen as solicitudes de reunión, que deberán ser aceptadas polos expositores nun prazo máximo de 24 horas. Algunhas das reunións poderán desenvolverse en inglés, polo que se recomenda contar cun bo dominio do idioma.

 

A participación está dirixida prioritariamente a axencias de viaxes maioristas de receptivo, admitíndose unha única persoa por entidade. As inscricións atenderanse por orde de solicitude, aínda que outras empresas interesadas poderán presentar a súa candidatura no caso de quedar prazas dispoñibles.

 

As entidades que desexen participar deberán enviar un correo electrónico a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com, indicando nome, cargo, empresa, teléfono e enderezo electrónico. O prazo límite de inscrición remata o venres 6 de febreiro ás 12:00 horas.