O Clúster Turismo de Galicia participará un ano máis en Turexpo Galicia, o Salón Turístico de Galicia, que celebrará a súa 14ª edición do 5 ao 8 de xuño de 2025 nas instalacións da Feira Internacional de Galicia Abanca (Silleda).
Un dos principais atractivos do evento volverá ser a Bolsa de Contratación Turística, que terá lugar durante os días 5 e 6 de xuño e que ofrece aos participantes a oportunidade de manter reunións axendadas con operadores turísticos nacionais e internacionais.
Co obxectivo de facilitar o acceso dos seus asociados a esta plataforma de negocio, o Clúster pon á súa disposición un número limitado de invitacións. Aquelas entidades interesadas en participar deberán cumprimentar o formulario correspondente antes do venres, 23 de maio. É importante destacar que, para que a inscrición sexa válida, débese indicar no apartado “Nome da empresa expositora” que se asiste baixo o paraugas do Clúster Turismo de Galicia.
O Clúster Turismo de Galicia estará presente cunha stand propio dentro do espazo de Turismo de Galicia. Desde alí dará a coñecer a súa actividade e promocionará a oferta turística da comunidade a través dos catálogos Galicia Travel Agencies e Galicia, un luxo para os teus sentidos, e coa marca Galicia Destino Sostible, reforzando o seu compromiso coa proxección do turismo galego nun evento clave para o sector.
Ademais, Turexpo Galicia compartirá espazo con Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico, que na súa 11ª edición volverá poñer en valor a diversidade e riqueza festiva de Galicia, e coa 47ª Semana Verde de Galicia, un certame multisectorial que en 2024 atraeu a máis de 84.000 visitantes.