As previsións do sector turístico galego para esta Semana Santa apuntan unha carteira de reservas dun 45% en todo o territorio galego, cunha subida de ata preto do 60% para as noites do xoves a sábado. Son datos da aplicación SIMADA (Sistema de Monitorización e Análise de Datos de Aloxamento), que vén de poñer na marcha o Clúster de Turismo de Galicia.
Cómpre sinalar que estes datos poden variar, xa que as reservas para esta época do ano están especialmente condicionadas polas previsións meteorolóxicas. Os datos de SIMADA apuntan a unha estancia media de tres días e a un perfil de visitantes maioritariamente de orixe nacional (preto do 65%). O turismo internacional superará o 8%, principalmente procedente de Portugal e Reino Unido. Un 27% das reservas non teñen asociado a procedencia do visitante.
Respecto ao prezo por noite, a media de todos os aloxamentos sitúase en 74 euros de luns a mércores e nos 81 euros de xoves a sábado. Por categorías, os hoteis de cinco e catro estrelas están nun prezo medio por noite de 172 euros e 109 euros, respectivamente; mentres que nos de menor categoría os prezos baixan a preto dos 90 euros en hoteis de tres estrelas, aos 73 euros nos de dúas estrelas, e aos 64 euros nos dunha estrela.
Nos albergues, en función da categoría, os prezos oscilan entre os 53 euros/día aos 22 por xornada. As pensións de tres estrelas experimentan unha forte subida ao comezo das xornadas festivas, cun prezo por noite de 165 por día, mentes que nas de dúas estrelas mantense un prezo medio de 70 euros. No turismo rural, a casa de aldea, a que adoita ser moi demandada, ten un prezo medio de 90 euros por día durante toda a semana.
SIMADA
SIMADA é unha ferramenta para a monitorización e análise de datos de ocupación, previsión, prezos, entre outros, que o Clúster Turismo de Galicia pon a disposición das empresas de aloxamento de xeito gratuíto co obxectivo de facilitar a toma de decisións e ser máis competitivos. Entre outras vantaxes, a aplicación permite adoptar decisións sobre o prezo por habitación ou a aplicación de descontos; ofrece datos sobre o tipo de viaxeiro que nos visita para poder establecer estratexias comunicativas o máis axustadas a ese perfil; facilita información sobre o grao de ocupación e todo garantindo a confidencialidade dos datos achegados á plataforma.