Tras o seu encontro con Cesáreo Pardal, o deputado Borja Verea anunciou que o grupo popular pedirá ao Goberno central que paralice o real decreto que multiplica os datos que teñen que solicitar os aloxamentos aos seus clientes.
Os problemas orixinados polo novo real decreto que regula o rexistro de viaxeiros centraron a reunión mantida entre o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o deputado do PP no Parlamento de Galicia Borja Verea. Durante ese encontro Cesáreo Pardal explicou que a modificación normativa impulsada polo Goberno Central supón unha importante sobrecarga de traballo para os responsables dos establecementos de aloxamento, así como para os negocios de alugueiro de vehículos, ao aumentar de forma notable os datos que deben solicitar aos clientes.
O novo texto incrementa ata unha trintena o número de datos que han de recoller, suscita dúbidas legais sobre o tratamento e almacenamento dalgúns deses datos e ademais establece un réxime sancionador con multas de ata 30.000 euros por non xestionar de forma adecuada ese rexistro.
Estes importantes cambios xa motivaron a comezos da primavera unha reunión dos representantes do Cluster e diversas empresas do sector que se pechou cun rexeitamento total cara ao real decreto. Agora, é o grupo do PP no Parlamento galego o que se suma a este rexeitamento co anuncio por parte do deputado Borja Verea tras a reunión con Cesáreo Pardal da presentación dunha proposición non de lei reclamando ao Goberno central a paralización da posta en marcha do real decreto.
Verea denuncia que o decreto supón unha nova traba e novos gastos para un sector que foi dos máis golpeados pola crise económica e reclama que o Goberno central “se abra a estudar e acordar co sector turístico as posibles modificacións”.