Unha ducia de países representados, con Brasil como país invitado, 15 restaurantes e máis de 200 experiencia gastronómicas. Son só algunhas das cifras do vixésimo aniversario do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que esta edición cumpre 20 anos e celébrao presentando o programa de actividades máis internacional no que, á tradicional e estreita cooperación transfronteiriza con Portugal, únese con máis forza que nunca a cooperación iberoamericana.
Así, entre o 6 e o 10 de febreiro, o recinto feiral de Expourense na capital das Burgas convértese no centro do turismo enogastronómico reunindo 283 expositores procedentes de España, Portugal, Brasil, Panamá, Costa Rica, México, Italia, Perú, Colombia, Cuba, Arxentina e Nicaragua. O amplísimo programa inclúe unha media de 4 actividades por cada hora de celebración do salón na que público e profesionais poderán coñecer as propostas culinarias de chefs de 9 países, que impartirán un total de 77 showcookings, entre os que destacan especialmente os organizados pola Consellería do Medio Rural e a de Mar, que teñen o obxectivo de pór en valor os produtos de calidade de Galicia amparados con Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida ou con selos de garantía como “PescadeRías, de onde se non?” ou as conservas de peixe e marisco de ANFACO-CECOPESCA.
O programa de showcookings complétase con actividades paralelas como o VIN Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos no que participan máis de 20 blogueros de Galicia, Asturias e Portugal ou o XV Encontro Internacional de Confrarías que reunirá a 40 entidades de 4 países.
Tres aulas gastronómicas
Xantar conta, ademais, con tres aulas gastronómicas, unha de Cata e un Túnel do Viño. Este último conta co apoio do cinco consellos reguladores de viño de Galicia e do de Licores e Augardentes (ademais da Consellería de Medio Rural) que presentarán 140 referencias da comunidade prestando especial atención aos viños gañadores nas catas oficiais de Galicia.
Turismo de proximidade
Ademais, co obxectivo de facilitar a afluencia de visitantes doutros puntos da xeografía, Xantar volveu a pór en marcha o paquete “Siente Galicia” que permite regalar unha experiencia enogastronómica na provincia así como o “Paquete Tren”, que ofrece unha experiencia gastronómica orientada aos visitantes que poden achegarse a Ourense na liña de Alta Velocidade, AVANT, desde A Coruña ou Santiago. Este paquete está dispoñible para o sábado 9 e domingo 10 de febreiro e inclúe a viaxe entre tren ida e volta, os traslados, visitas guiadas ás áreas termais e centro histórico de Ourense e comida no salón.