Turismo de Galicia outorgará 21 bolsas para estudar no Centro Superior de Hostalería de Galicia

Turismo de Galicia outorgará 21 bolsas para estudar no Centro Superior de Hostalería de Galicia

As axudas, de dous tipos, permitirán sufragar o 80 % ou o 50 % da matrícula no grao de Xestión de Empresas Hostaleiras.

 

O prazo para solicitalas estará aberto ata o 9 de setembro.

 

A Axencia Turismo de Galicia facilitará un ano máis o acceso dos estudantes ao Centro Superior de Hostalería de Galiciaa través un programa de bolsas que permitirá aos beneficiarios sufragar parte dos custos da matrícula. A convocatoria para o próximo curso 2022-23, aprobada a finais do pasado mes de xullo e publicada no Diario Oficial de Galicia del martes 9 de agosto, establece que se poderán outorgar un máximo de 21 bolsas para o primeiro curso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras que imparte o CSHG. Seis desas bolsas cubrirán o 80 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación, mentres que as 15 restantes cubrirán o 50 %.

 

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a contar a partir do 10 de agosto. No caso de que non esgoten as 21 bolsas, as restantes poderán outorgarse a alumnos doutros cursos. Para repartir as bolsas realizarase unha puntuación de cada solicitante na que se terán en conta os ingresos familiares e o expediente académico.

 

Ademais das bolsas, existen outros factores que permiten aos alumnos aforrarse parte ou a totalidade da matrícula: no caso das vítimas de terrorismo ou violencia de xénero, así como para os alumnos cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, a exención será do 100 %. Tamén gozarán desa exención total os membros de familias numerosas de carácter especial, mentres que para as familias numerosas de carácter xeral será do 50 %. Pola súa banda, os  estudantes con matrícula de honra no bacharelato non terán que pagar a primeira matrícula.

 

Máis información sobre as tarifas do CSHG e as bolsas e exencións en: https://www.cshg.gal/es/oferta/tarifas-e-axudas