Turismo de Galicia lanza un programa formativo en liña sobre o futuro da IA no sector turístico

Turismo de Galicia lanza un programa formativo en liña sobre o futuro da IA no sector turístico

  • A formación, de carácter gratuíto, desenvolverase desde o 13 de marzo ata o 29 de abril.
  • Dirixido a directivos, emprendedores e propietarios de empresas turísticas.
  • As inscricións pódense realizar a través da páxina web de Turismo de Galicia.

A Xunta de Galicia lanza un novo programa de formación en liña dirixido ao sector turístico. Nesta ocasión, o obxectivo é dar a coñecer a utilidade de distintas ferramentas de intelixencia artificial no eido turístico, mellorando a súa xestión e a venda dos seus produtos e servizos.

 

O programa formativo, titulado “Descobre o poder da Intelixencia Artificial (IA) na empresa turística de Galicia”, terá 21 horas de duración repartidas en sete sesións de tres horas cada unha. A primeira desenvolverase este mesmo mércores, 13 de marzo.

 

  • Sesión 1: mércores, 13 de marzo, de 09:00h a 12:00h – “Fundamentos da IA e visión Xeral”
  • Sesión 2: mércores, 20 de marzo, de 09:00h a 12:00h – “O viaxeiro na Era da IA”.
  • Sesión 3: mércores, 3 de abril, de 09:00h a 12:00h – “Enxeñería de Prompts”.
  • Sesión 4: mércores, 10 de abril, de 09:00h a 12:00h – “Implantación de ChatGPT Team”.
  • Sesión 5: mércores, 17 de abril, de 09:00h a 12:00h – “Programación de GPTs”.
  • Sesión 6: mércores, 24 de abril, de 09:00h a 12:00h – “Google AI e o negocio dixital”.
  • Sesión 7: luns, 29 de abril, de 09:00h a 12:00h – “Cumplimento normativo e Seguridade”.

O programa dispón dun total de 100 prazas, dirixidas a emprendedores, directivos ou xefes de departamento de empresas do sector turístico galego (axencias, aloxamentos…). As inscricións permanecen abertas a través da páxina web de Turismo de Galicia.

 

O programa centrarase no novo universo que nace da man da intelixencia artificial enfocado desde a perspectiva da empresa turística. Analizarase como a Intelixencia Artificial, incluídas as ferramentas avanzadas como ChatGPT de OpenAI e as solucións de Google IA, poden ser catalizadores de innovación e eficiencia na xestión turística.