O titular de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareción no Parlamento para dar conta das novidades do seu departamento de face á xestión do próximo Xacobeo2021. Nesta comparecencia anunciou a próxima implantación dun novo sistema de clasificación por estrelas, en función da súa calidade e servizos, para as casas de turismo rural, unha medida que se adopta no marco da Estratexia de Turismo Rural na que a Xunta está a traballar.
Segundo o departamento autonómico, a implantación desta clasificación busca promover a excelencia e a maior profesionalización neste segmento do aloxamento, ademais de promover o seu equipamento co resto dos aloxamentos turísticos, apostando por dar unha maior seguridade tanto a clientes como a propietarios. “É unha iniciativa que busca aumentar a oferta turística con novas experiencias que poñan en valor o noso rural aproveitando os seus recursos propios”, explicou Román Rodríguez.
A proposta enmárcase nas iniciativas anunciadas pola Consellería de Cultura e Turismo nos últimos meses, como o Plan de Mellora de Aloxamentos Turísticos (MAT) ou o Galicia Sabe, a iniciativa que busca impulsar a tradición culinaria e os produtos autóctonos, potenciando a competitividade e o emprego no sector primario. Con todo iso búscase a creación de novos produtos e a construción dunha oferta turística diversa e de calidade, a través dun modelo comprometido a nivel cultural, socioeconómico e ambiental que no que se aproveitan os recursos do noso país xerando valor en toda a cadea e creando riqueza e emprego en todas as comarcas e concellos onde se desenvolve.