accesbilidad

Enmarcadas no Plan MAT e impulsadas polo IGAPE e a Consellería de Cultura e Turismo, están orientadas a mellora de servizos, accesibilidade e implantación de medidas de mellora enerxética, principalmente.

Co obxectivo de seguir avanzando na construción dun destino máis competitivo e de maior calidade, a Xunta de Galicia publicou dúas novas liñas de axuda dentro do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, que implican a cinco departamentos da Xunta e que suporán un investimento de 4 millóns de euros que se xestionarán a través das Consellerías de Cultura e Turismo, Economía, Medio Rural e Mar, así como a Amtega.
En concreto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), impulsa o programa Reforma TUR 2019, unha iniciativa pioneira que contará cun investimento de 3 M€ para facilitar a mellora e modernización de servizos de 500 establecementos hostaleiros (hoteis, hoteis balneario e hoteis talaso) cun máximo de 40 prazas, así como instalacións de turismo rural e albergues privados situados no Camiño de Santiago. O programa dotado con 24 millóns de euros pretende estimular a actividade económica non só o sector turístico se non nas empresas adheridas ao programa que proverán dos materiais para as reformas dos establecementos.
O prazo para a presentación de solicitudes de axuda está aberto desde o 29 de xaneiro ata o 28 de marzo, mentres que os establecementos hostaleiros poderán solicitar as auyudas do 28 de febreiro ata o 30 de abril. As solicitudes dos beneficiarios deberán presentarse nos establecementos adheridos ao programa. Pode consultarse en https://www.xunta.gal/dog/publicados/2019/20190128/ AnuncioO92-211218-0003_ gl.html.
Mellora da accesibilidade e sustentabilidade
Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Turismo lanza unha orde de subvencións dun millón de euros, en concorrencia competitiva, para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento regrado da Comunidade. A través dela, poderán cubrirse investimentos dirixidos a accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría. Comprende, así mesmo, iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento da contorna ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento nas súas diferentes tipoloxías.
Podes consultar un resumo desta liña de axudas neste documento, no que se indican beneficiarios, criterios de valoración e prazos de presentación. O prazo de presentación de solicitudes desta segunda liña será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). Está dispoñible para a súa consulta en https://www.xunta.gal/dog/publicados/2019/20190128/ AnuncioG0256-150119-0001_ gl.html
Obxectivos do Plan MAT
O Plan MAT comprende preto de vinte liñas de axudas para a creación ou mellora de establecementos de aloxamento, a través de subvencións e instrumentos financeiros. Igualmente, ve acompañado de numerosas actuacións tales como a creación dun mapa interactivo de axudas que permita ao sector coñecer polo miúdo os recursos dispoñibles; actividades formativas, xornadas de networking global e sectorial, encontros informativos con expertos, difusión de boas prácticas, recoñecemento e distinción da excelencia; cursos de especialización a cargo de entidades de prestixio como o Centro Superior de Hostalería de Galicia ( CSHG), formación e xornadas de sensibilización en accesibilidade, actividades orientadas á innovación e de apoio á xestión e actualización continua ou divulgación. Establécense, ademais, actuacións en campos singulares para o aproveitamento dos aloxamentos turísticos nos Camiños de Santiago, termalismo, turismo e mocidade (festivais, deportes…) e turismo científico (ornitoloxía, astronomía, xeoloxías ou patrimonio industrial).
28 de Xaneiro de 2019

A Xunta lanza dúas liñas de axuda para a mellora dos aloxamentos turísticos por importe de 4 millóns de euros

Enmarcadas no Plan MAT e impulsadas polo IGAPE e a Consellería de Cultura e Turismo, están orientadas a mellora de servizos, accesibilidade e implantación de medidas […]