A Xunta anuncia 3,5 M€ para impulsar a mobilidade sostible nos establecementos enoturísticos

A Xunta anuncia 3,5 M€ para impulsar a mobilidade sostible nos establecementos enoturísticos

  • A liña de axudas permitirá financiar bicicletas e patinetes eléctricos, ademais de instalar puntos de recarga ou promocionar actividades enoturísticas

 

A Xunta de Galicia reforzará a súa aposta polo enoturismo cunha nova liña de axudas dotada con 3,5 millóns de euros. O obxectivo é fomentar a mobilidade sostible na contorna das adegas mediante o financiamento de bicicletas e patinetes eléctricos, a instalación de puntos de recarga ou a promoción das actividades enoturísticas.

 

O anuncio realizouse durante a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á adega A Terriña (Petín), un proxecto do grupo Méndez-Rojo, onde estivo acompañado polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.

 

  • A convocatoria forma parte do Plan Territorial de Enoturismo de Galicia 2023-2025

 

As axudas enmárcanse no Plan Territorial de Enoturismo de Galicia 2023-2025, que xa mobilizou 11,5 millóns de euros a través de diferentes accións de cohesión territorial para o desenvolvemento de novos establecementos e experiencias vinculadas ao mundo do viño. A iniciativa busca consolidar o papel do enoturismo como motor de desenvolvemento económico e social no rural galego, apostando por un modelo turístico baseado na sostibilidade, a calidade e a identidade local.

 

Segundo as declaracións de Rueda, está previsto que esta nova liña de axudas se convoque ao longo do último trimestre do ano.