A Xunta de Galicia amplía novamente o prazo para solicitar as súas axudas para actuacións de eficiencia enerxética nos aloxamentos turísticos galegos. O prazo de solicitudes desta liña de subvencións xa se ampliou nunha primeira ocasión ata principios do mes de maio. Con esta nova prórroga, os empresarios interesados poderán formalizar a súa solicitude ata o luns, 29 de maio, ás 23.59 horas.
Esta concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, conta cun orzamento que alcanza os 7,8 millóns de euros. Poden solicitar esta axuda, a través da sede electrónica da Xunta, aquelas pequenas e medianas empresas que sexan propietarias de edificios cuxo fin sexa o aloxamento turístico: hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos.
As persoas beneficiarias poderán recibir ata o 90% do investimento realizado, cun máximo de 150.000 euros. Ademais, ditas actuacións deberán contar cunha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% respecto á situación de partida, mellorando polo menos unha letra na escala de emisións de dióxido de carbono, salvo que o edificio xa conte cunha cualificación enerxética A.
Se queres mellorar a eficiencia e aforro enerxético do teu aloxamento turístico, algunhas das actuacións que podes realizar a través desta subvención son a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; a mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios; así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.
O pasado mes de xaneiro Turismo de Galicia organizou un webinar centrado nestas axudas, os requisitos e os procedementos para solicitalas. O evento contou coa participación de varios relatores, entre os que se atopaba o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal. Podes visualizar a xornada a través da canle de Youtube de Turismo de Galicia.
Se te animas a solicitar esta subvención, recomendámosche consultar a guía de empresas de servizos enerxéticos de ámbito estatal.