A Xunta abre unha liña específica para os guías turísticos a través do seu novo plan de teleformación gratuíta

formación on line Xunta de Galicia

A Xunta abre unha liña específica para os guías turísticos a través do seu novo plan de teleformación gratuíta

As primeiras accións, para as que está aberto o prazo de inscrición, profundarán no uso das redes sociais na difusión cultural e nas técnicas para o relato divulgativo

Dentro do plan de teleformación posto en marcha pola Xunta de Galicia para mellorar as competencias dos profesionais do sector turístico na actual situación de confinamento, a Xunta puxo en marcha un plan de formación específica gratuíta online para o segmento dos guías de turismo, dando resposta a unha demanda do sector. Trátase de faladoiros especialmente dirixidos a estes profesionais nos que se profunda, entre outros asuntos, no uso das redes sociais na difusión cultural, as técnicas para o relato cultural e divulgativo, así como o patrimonio da Ribeira Sacra, entre outras.

A primeira delas celebrouse este luns centrada no uso das redes sociais para a difusión cultura, mentres que a segunda será o vindeiro luns, 4 de maio ás 17h sobre técnicas para o relato cultural e divulgativo. Serán impartidas polo especialista Miguel A. Cajigal (@elbarroquista) que ofrecerá os seminarios en directo, respondendo as dúbidas dos participantes, que recibirán tamén material informativo e documental con actividades de avaliación e ampliación dos coñecementos. Nas próximas semanas está previsto que tamén se programen accións formativas sobre o patrimonio da Ribeira Sacra -candidata a Patrimonio Mundial da Unesco en 2021- así como, en función da demanda, sobre arquitectura contemporánea en Galicia ou o Camiño de Santiago.

Estas novas accións encádranse no programa de formación para o sector turístico que continúa esta semana cunha sesión sobre Google Analitycs en hoteis e restaurantes a cargo de Tirso Maldonado, especialista en transformación dixital e no desenvolvemento de negocio en liña, que terá lugar o mércores, 29 de abril. Todas estas accións son gratuítas e o acceso é por orde de inscrición en www.turismo.gal/formacion. Para facilitar o acceso a estes contidos, a partir deste luns 27 estarán dispoñibles tamén na canle de Youtube do CSHG todos os cursos que xa foron impartidos.