O Clúster Turismo de Galicia está preparado para promocionarse na Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2025. A actividade no espazo de Galicia comezará o mércores, 22 de xaneiro, co acto inaugural e coa presentación ‘Galicia, terra acolledora’ da Xunta de Galicia ás 11:45 horas.
Tras isto, ás 12:30 horas, o Clúster procederá coa presentación ‘Da información ao éxito: Optimiza as túas decisións hostaleiras’, na que promocionará o Sistema de Monitorización e Análise de Datos de Aloxamento (SIMADA). Esta ferramenta de análise permite comparar os datos de ocupación con respecto ao destino ou a empresas similares no destino, así como os prezos, a súa evolución, e diversos datos de interese para os aloxamentos. O seu obxectivo é ofrecer de primeira man información sobre as reservas e prezos dos diferentes establecementos de aloxamento para poder adoptar as mellores decisións no ámbito empresarial.
A presentación do Clúster poderase seguir en directo a través da páxina web do CTG, onde se habilitará o vídeo da presentación para seguila por streaming.
A do Clúster é unha das case 50 presentacións que terán lugar na caseta de Galicia. Este ano, o espazo galego recibirá aos visitantes co lema “Xa estás en Galicia!”, dándolles a benvida a unha comunidade onde a calidade, a biodiversidade e a sostibilidade serán os eixos dun percorrido polo patrimonio material e inmaterial galego. O programa completo de presentacións pode consultarse a través da páxina web de Turismo de Galicia.