Unha representación da Xunta Directiva da Asociación Hostalaría Compostela, encabezada pola súa presidenta Sara Santos, mantivo unha reunión telemática co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, para trasladarlles as reivindicacións que o colectivo compostelán cre que o Concello debería atender canto antes fronte á crise do Covid-19. Entre outras cuestións, abordouse a necesidade de eliminar as taxas das terrazas, recollida do lixo e saneamento durante o tempo de peche obrigatorio, así como a rebaixa no pago do IBI.
Pensando na situación e nos cambios que deberán soportar os hostaleiros cando se levante o confinamento e poidan abrir de novo os seus negocios, tamén presentaron a idea de elaborar unha central de reservas que inclúa á restauración. Os hostaleiros composteláns tamén mostraron a súa preocupación polo futuro do Camiño de Santiago instando o traballo conxunto coa Xunta de Galicia nunha serie de medidas que ofrezan garantías de seguridade aos peregrinos. Así mesmo, acordouse seguir mantendo o contacto para a posta en marcha de diferentes actividades que dinamicen ao sector unha vez superada a pandemia.
Ademais, o Goberno local informou a Hostalaría Compostela que desde o departamento de Turismo están a traballar nun plan de medidas a curto prazo de promoción da cidade en destinos que se prevé que sexan favorables.