O Clúster Turismo de Galicia celebrou o pasado 18 de novembro en Dublín un workshop profesional co obxectivo de fortalecer a presenza de Galicia no mercado irlandés e seguir a ampliar oportunidades de negocio para o sector turístico galego. A acción reuniu a unha trintena de operadores turísticos irlandeses, así como a medios especializados, interesados en descubrir novas propostas e experiencias vinculadas ao destino Galicia.
Participaron no encontro seis axencias almacenistas de receptivo galegas: Viajes InterRías, Galicia Incoming – Viajes Viloria, Galiwonders, Tee Travel, VIO Viajes e Bluscus. Xunto a elas, o club de produto Galicia Destino Sostible presentou a súa oferta centrada en experiencias responsables e aliñadas cos valores da sostibilidade.
Durante a apertura, o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, destacou o vínculo existente entre Galicia e Irlanda, así como a diversidade da oferta galega, subliñando a aposta do sector por un modelo turístico sostible. No acto participou tamén Laura Pena, directora da Oficina Española de Turismo en Dublín, que valorou positivamente a cooperación cun mercado que mantén un crecente interese por Galicia.
O encontro permitiu ás empresas galegas manter numerosas reunións con operadores turísticos interesados en ampliar o seu catálogo de produtos e explorar novas oportunidades vinculadas ao Camiño de Santiago, á natureza, á cultura, á gastronomía e ao turismo activo.
O workshop incluíu ademais un sorteo de experiencias achegadas polas propias empresas participantes, co obxectivo de incentivar aos operadores irlandeses a viaxar a Galicia e coñecer sobre o terreo a variedade de propostas dispoñibles.
O mercado irlandés amosa unha evolución destacada: segundo os datos da Oficina do Peregrino, en 2024 ao redor de 10.000 peregrinos irlandeses recibiron a Compostela, fronte aos 6.600 rexistrados en 2022, o que evidencia un crecemento notable do interese polo Camiño e por Galicia como destino.
Con este workshop, o Clúster executa unha das últimas accións de promoción internacional de 2025, tan só unhas semanas despois da misión comercial á WTM de Londres, onde participaron 26 profesionais do sector turístico galego.