Galicia pecha a súa participación na BTL Lisboa reforzando o seu posicionamento no mercado luso

Galicia pecha a súa participación na BTL Lisboa reforzando o seu posicionamento no mercado luso

  • O Clúster, a través das invitacións cedidas por la Axencia Turismo de Galicia, facilitou a participación de oito axencias de viaxe de receptivo.

 

Galicia concluíu a súa presenza na BTL – Bolsa de Turismo de Lisboa 2025, consolidándose como un destino de referencia para o público portugués e internacional. Durante cinco días, a caseta de Turismo de Galicia converteuse nun punto estratéxico de promoción, achegando a oferta turística galega a profesionais e visitantes, cun enfoque na sostibilidade, a autenticidade e a experiencia do viaxeiro.

 

O evento, que alcanzou a súa 35ª edición, reuniu a máis de 1.500 expositores e 85 destinos internacionais, proporcionando unha plataforma clave para establecer novas conexións comerciais. Nesta liña, o Clúster Turismo de Galicia, a través das invitacións cedidas por Axénciaa Turismo de Galicia, facilitou a participación de oito axencias de receptivo galegas (Circuitos Galicia, Galiwonders, EasyGalicia, CnTravel, Tee Travel, Pilgrim, Santiago Gate – Viajes Ría del Burgo e Bluscus Turismo Marinero) que aproveitaron a oportunidade para fortalecer relacións con operadores de turismo e axentes do sector.

 

Ademais das reunións B2B enmarcadas na Bolsa de Contratación Hosted Buyers, Galicia tamén tivo presenza en encontros estratéxicos, como a presentación da actividade 2024 de Asicotur, onde o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, asistiu xunto a representantes de Turismo do Porto e Norte, autoridades de Mozambique, Chile, Guinea-Bisáu e Azores-Madeira.

 

Portugal segue sendo o principal mercado emisor de turistas cara a Galicia, cun crecemento do 8% en 2024, e o seu impacto na desestacionalización do turismo é clave, xa que moitos destes viaxeiros visitan a comunidade en tempada media e baixa. Ademais, o Camiño de Santiago continúa sendo un atractivo fundamental, con máis de 21.900 peregrinos portugueses acreditados o ano pasado.

 

Con esta participación na BTL Lisboa 2025, Galicia reforza a súa estratexia de internacionalización, consolidando a súa imaxe como un destino sostible, auténtico e cunha oferta diversificada que segue captando o interese do mercado portugués e internacional.