Decenas de profesionais participaron en Vilagarcía neste foro, que foi inaugurado polo concelleiro Álvaro Carou, o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Tras a intervención de destacados expertos para falar de iniciativas nos ámbitos público e privado, a xornada foi clausurada pola deputada provincial Ana María Mejías, o vicepresidente do Clúster, Jesús Picallo, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Decenas de profesionais relacionados co mundo do turismo déronse cita o pasado martes en Vilagarcía de Arousa para asistir á xornada sobre “Boas prácticas en xestión turística” organizada polo Clúster coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Axencia Turismo de Galicia. Ao longo de toda a mañá, polo auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa foron pasando expertos, tanto do sector público e privado, para explicar as súas experiencias e intercambiar impresións sobre cuestións como as boas prácticas en destino, a importancia do Big Data na xestión hostaleira, o deseño de experiencias turísticas ou as boas prácticas empresariais.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o concelleiro de Turismo de Vilagarcía, Álvaro Carou García, e o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, inauguraron esta xornada que reuniu a expertos como Emilio Torres, representante do proxecto Vía Verde do Aceite; Paulo Queiroz, socio-xerente da consultora portuguesa JPQ Consultores; Jaime de la Calzada, director de vendas de Amadeus Hospitality; o experto e consultor Víctor Sixto; María Troncoso, de #hosteleriaporelclima e Coca-Cola Europacific Partners; Rafael González, socio-director de Vivential Value, e Roberto Fraga, CEO de Pilgrim, ademais das deputadas provinciais Ana Laura Iglesias (Turismo e Xuventude) e Ana María Mejías (Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial), que exerceron de moderadoras de dúas das mesas redondas celebradas.
Na súa intervención inaugural, Cesáreo Pardal falou da importancia da mellora da competitividade do sector e explicou que esta vai ligada necesariamente “á dixitalización e a sustentabilidade, dúas ferramentas clave para facer fronte tanto aos novos desafíos derivados do cambio climático ou a demanda dun novo perfil de turista; como a outros máis tradicionais do sector como a estacionalidade, a masificación, a seguridade ou a mobilidade”. Ademais, destacou a aposta do Clúster por un “modelo turístico respectuoso co medio ambiente, as culturas e as sociedades” e sinalou como exemplo disto, a posta en marcha do Club de Produto Galicia Destino Sostible, que conta xa con 70 empresas adheridas.
A importancia da sustentabilidade, a dixitalización e a calidade como sinais de identidade do noso sector turístico foi tamén una das cuestións abordadas no peche da xornada polo vicepresidente do Clúster, Jesús Picallo. “Neste camiño imos da man coas administracións públicas, como na elaboración en colaboración coa Axencia de Turismo do Plan Director de Destino Seguro 2021-2023, que se desenvolve ao redor destes piares”, explicou Jesús Picallo, encargado de poñer o punto final xunto coa deputada provincial Ana María Mejías, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Os tres destacaron, así mesmo, a importancia da colaboración público-privada para asegurar o desenvolvemento do sector.