O turismo en Galicia creceu en xaneiro por encima da media española marcando un 9% de subida respecto ao mesmo período do ano pasado, o que supón seis puntos máis que o conxunto do territorio, en que o turismo tamén marcou unha cifra positiva de tres puntos.
Segundo o INE, os hoteis e pensións de Galicia recibiron en xaneiro 179.479 viaxeiros -un 8,2% máis que hai un ano- que fixeron 338.030 noites, o que supón un crecemento do 9%, dando así continuidade á evolución de 2019. Durante este período creceu o turismo interno, (3%), o turismo nacional (15,7%) e o internacional (7,2%) en relación a xaneiro de 2019. Con máis de 61.000 noites, o turismo internacional consegue neste primeiro mes do ano un máximo histórico de demanda hoteleira en Galicia.
Incremento na estadía media
En xaneiro tamén se incrementou a ocupación, en case dous puntos porcentuais. O INE revela, ademais, que as tarifas hostaleiras encadean cinco anos consecutivos de crecemento, en concreto dun 8,8%.
Este incremento das tarifas, engadido á mellora dos niveis de demanda e ocupación, trae consigo que os hoteis galegos melloren tamén en resultados económicos. Neste sentido, a rendibilidade creceu un 5,6%, colocando a cifra na máis elevada da década.