O sector turístico galego prepárase para a súa participación na BTL Lisboa 2025

O sector turístico galego prepárase para a súa participación na BTL Lisboa 2025

  • Clúster Turismo de Galicia, a través das invitacións cedidas pola Axencia Turismo de Galicia, facilita a participación de oito empresas galegas no evento.
  • A feira portuguesa celébrase do 12 ao 16 de marzo.

 

A feira BTL Lisboa, un dos eventos turísticos máis importantes de Portugal e unha referencia no sector a nivel internacional, abrirá as súas portas do 12 ao 16 de marzo na capital lusa. Un ano máis, Galicia estará presente nesta cita clave, cunha representación do sector turístico.

 

O Clúster Turismo de Galicia (CTG), a través das invitacións cedidas pola Axencia Turismo de Galicia, facilitou a participación das empresas galegas nesta feira, brindando a oportunidade de establecer novas conexións con operadores do mercado portugués e internacional. Entre as axencias de receptivo galegas que asistirán este ano están Circuitos Galicia, Galiwonders, EasyGalicia, CnTravel, Tee Travel, Pilgrim, Santiago Gate – Viajes Ría del Burgo y Bluscus Turismo Marinero, que contarán con espazo na stand de Turismo de Galicia para levar a cabo reunións con profesionais do sector. O Clúster Turismo de Galicia tamén participará no evento representado polo seu presidente, Cesáreo Pardal.

 

A BTL Lisboa é un escaparate estratéxico para a promoción de Galicia no mercado luso, un dos principais emisores de turistas cara á comunidade. Ademais, trátase dunha oportunidade única para fortalecer a presenza do destino noutros mercados internacionais, xa que o evento reúne a operadores de numerosos países.

 

Con esta participación, Galicia segue reforzando a súa estratexia de internacionalización turística, promovendo a súa diversidade de paisaxes, cultura, enogastronomía e turismo sostible nunha feira que o ano pasado reuniu a máis de 1.500 expositores e 85 destinos internacionais.